Cristina Pato e Ramón Nicolás, no xurado do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán

La Voz OURENSE

VILAMARTÍN DE VALDEORRAS

cedida

A convocatoria, dotada con 3.000 euros, pecha o prazo de presentación o 29 de setembro

12 sep 2022 . Actualizado a las 17:02 h.

O cuarto Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán xa conta co xurado que concederá o galardón. Artistas, docentes, poetas, investigadoras, críticos literarios e activistas culturais integran un grupo variado e interdisciplinar de creadores e amantes da literatura. Os membros do xurado desta edición son Cristina Pato, María Xesús Lama, Ramón Nicolás, Antía Balvís, Emilio Vega e Eilún del Pazo, poeta e gañadora do premio na pasada convocatoria.

O prazo de presentación de orixinais para optar ao Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán rematará o próximo día 29 e as obras a concurso deberán ser poemas inéditos, en galego e cunha extensión de entre 15 e 90 versos. A convocatoria está dotada cun premio único de 3.000 euros e as obras deberán presentarse no Concello de Vilamartín de Valdeorras. O nome do gañador coñecerase nunha gala que se celebrará en outubro no Teatro Lauro Olmo de O Barco. 

O premio de poesía é unha máis das moitas actividades que se levan desenvolvido neste 2022 para lembrar a Florencio Delgado Gurriarán e aínda quedan varios proxectos sobre o autor ao que se lle dedican as Letras Galegas que se irán materializando no que queda de ano. Entre outros unha exposición no Museo do Pobo Galego -que se inaugurará o próximo día 15-, e a presentación do documental «Florencio do A ao Z», de Arraianos Producións, que se presentará no OUFF, o Festival Internacional de Cine de Ourense.

Sobre o autor xa se pode visitar a mostra «Compromiso na distancia» na Biblioteca Nós de Ourense. A exposición foi inaugurada o venres coa presenza do director xeral de Política Lingüística, Valentín García, e Débora Álvarez, directora do proxecto «As Letras de Florencio».