Redrum Teatro aborda a vertente máis escura do frautista de Hamelin

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

REDRUM TEATRO

A nova montaxe da compañía chegará a Pontevedra o vindeiro 9 de marzo

27 ene 2023 . Actualizado a las 17:45 h.

A que será décimo sexta montaxe de Redrum Teatro, Hamelin, chegará a Pontevedra o vindeiro 9 de marzo no marco dunha xira que levará á compañía ás localidades de Santiago, Cangas, A Illa de Arousa, Lugo, Teo e Verín.

Hamelin será a segunda ocasión que Redrum Teatro adapte ao galego un texto de Juan Mayorga, dramaturgo que no 2022 recibiu o Premio Princesa de Asturias das Letras e coa que no 2005 pola que recibiu o Premio Max ao mellor autor teatral. Nesta ocasión, Alex Sampayo encargarase da dirección e mais da adaptación ao galego, que contará cun elenco conformado por Machi Salgado, Belén Constenla, Guillermo Carbajo, Mónica García, Roberto Leal, Rubén Porto e Fran Lareu. A axudantía de dirección recae en Laura Míguez, mentres que o deseño de iluminación corre a cargo de Carlos Álvarez-Ossorio e o espazo sonoro de Fernando Epelde.

REDRUM TEATRO

Dende a compañía destacaron o feito de que Hamelin «é unha proposta escénica que xorde a partir da versión máis escura do conto popular de O frautista de Hamelin para poñer o foco na infancia, así como nas diferentes formas que ten a sociedade de relacionarse con ela, o papel que xoga no seo do noso contexto social e as diferentes violencias que se poden chegar a exercer sobre a cativada».

Abusos na infancia 

Trátase dunha peza que «fai partícipe ao público de constantes dicotomías contemporáneas sobre a culpabilidade, a inocencia, os erros colectivos, as invisibilidades, as realidades familiares ou as condutas individuais». Deste xeito, Juan Mayorga «aborda o tema da pederastia cunha sutil linguaxe e escenas cheas de elipses, onde as cousas quedan aludidas, onde o espectador debe poñer da súa parte para interpretar, para imaxinar, para encher os silencios». En definitiva, aposta «por un espectador activo que imaxine máis aló do que se amosa en escena».