Un menú gastronómico para gozar das Letras Galegas en Pontevedra... pero sen cebola

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Rafa Estevez

A programación anual da Deputación arrancará o vindeiro 13 de maio

09 may 2023 . Actualizado a las 16:38 h.

Conferencias, espectáculos de teatro, obradoiros, contacontos e gastronomía maridan na programación desenvolvida pola Deputación de Pontevedra para celebrar as Letras Galegas, que este ano están dedicadas a Francisco Fernández del Riego, e que se estenderá ao longo do que resta do 2023. «Del Riego foi un militante pola nosa lingua», destacou a deputada María Ortega, ao tempo que lembrou que, ademais de ser unha das máis grandes figuras literarias de Galicia, cofundador da editorial Galaxia e creador do Día das Letras Galegas, foi unha das grandes figuras da resistencia e a revitalización cultural do galeguismo despois da Guerra Civil.

En canto aos actos previstos, a deputada de Lingua precisou que estes comezarán o vindeiro sábado, 13 de maio, cun acto aberto ao público —inscricións en lingua@depo.gal— no que, da man da editorial Galaxia, a docente e escritora Malores Villanueva realizará unha palestra sobre Del Riego. «Ninguén mellor ca ela, que pasou días e días ao seu carón para facer a súa tese doutoral, podería facer un percorrido pola súa vida e obra», engadiu destacando que, a modo de complemento, desenvolverase un evento gastronómico.

«Don Paco, como adoitaba chamarlle a xente, era un gran comellón», sinalou. Trátase dun extremo que queda reflectido no poema Marcha triunfal do seu amigo Otero Pedrayo, no que o cualifica de «pontífice do manxar». «A difícil tarefa de facer unha demostración de cociña en vivo e un petisco que lle prestase a Del Riego encargámoslla a Rubén González, do Cafetín Pontevedra, galardoado con numerosos premios. El fará unha proposta gastronómica cos produtos favoritos de Del Riego, deixando a un lado a cebola como ingrediente, que parece ser que o autor detestaba», explicou.

Ademais, repartirase entre os asistentes unha copia dun artigo que un Del Riego estudante de Dereito escribiu no xornal A Nosa Terra en 1932 titulado Fiestra sobor da lingua galega. Nel se afirma que «na lingua, seipano ou non os indiferentes, está o máis íntimo e san do noso esprito, fecundalo é laboura da nova Galicia, deixar desfaguerlo é o mesmo que se negar a si».

Rafa Estevez

Posteriormente, o 22 de maio, a rapazada de secundaria poderá gozar cun espectáculo teatral, Un optimista radical, de Serafín Marcos, quen dende 2003 realiza un labor divulgativo das persoas homenaxeadas nas Letras Galegas, teatralizando as súas vidas e obras.

Contacontos

En paralelo, xunto a Polo Correo do Vento, a Deputación levará a 35 concellos entre o 15 de maio e o 31 de xullo un contacontos no que se fará unha viaxe pola biografía do homenaxeado. Estas contadas, destinadas a público familiar, incluirán unha parte de ilustración a cargo de Carlos Taboada, e outra musical, na que se interpretará o Rock de Paco del Riego. O 8 de maio as 8 da mañá abrirase o prazo de solicitude para os concellos interesados.

Tamén os integrantes de Polo Correo do Vento son os autores de O camiño andado das letras, unha publicación que conmemora o sesenta aniversario das Letras Galegas cun percorrido polos autores aos que se lle dedicou historicamente esta data.

E a todo isto se suma o feito de que a Deputación vén de facer a compra de diferentes títulos realizados sobre Francisco Fernández del Riego, que distribuirá entre as bibliotecas municipais e puntos de lectura. De igual xeito, e froito da colaboración coa Fundación Penzol, o servizo de Cultura da Deputación programará obradoiros didácticos en centros educativos da provincia (tanto de Primaria como de Secundaria) para poñer en valor a figura de Fernández del Riego e o seu papel fundamental como valedor da cultura galega partindo dos fondos da fundación.

E xa cara a finais de ano, a Deputación e a Fundación organizarán unha exposición sobre o homenaxeado nas Letras Galegas que mesturará unha parte documental con fondos do autor e paneis informativos.