«Iribarne», a revisión en clave de humor da figura de Fraga chega en febreiro a Pontevedra

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Geraldine Leloutre

«Non estamos a intentar facer historia, nin un biopic», sinalou o director da peza, Xavier Castiñeira

03 feb 2024 . Actualizado a las 15:59 h.

Despois da súa presentación en Madrid o pasado outono, onde estivo en cartel un mes completo esgotando todas as entradas, Iribarne, o novo espectáculo de ButacaZero, arrancou onte en Vilalba, concello natal de Manuel Fraga, a súa xira galega. Así, o vindeiro 8 de febreiro (21 horas), está previsto que esta peza se poña en escena no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Geraldine Leloutre

Iribarne propón unha revisión da figura de Manuel Fraga en clave de humor escrita por Esther F. Carrodeguas baixo a dirección de Xavier Castiñeira, sendo unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia.

Geraldine Leloutre

Esta é a sétima montaxe deste tándem creativo, de tal xeito que «segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica». A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como «un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios, pero incriblemente imprescindibles da nosa historia». Engadiu, neste punto, que é «o traballo máis difícil que escribín ata agora», ao tempo que precisou que «foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar».

Tres episodios

Ao fronte da dirección volve situarse Castiñeira, que considera que Fraga é unha personaxe «inabarcable». «Entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo», resaltou salientando as contradicións que foron atopando durante a investigación, tanto na súa biografía persoal como na súa traxectoria política.

Geraldine Leloutre

A montaxe plantexase a través de tres episodios que reflicten a evolución política do país, dende o franquismo, a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia, precisaron dende a promotora. «Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España», sinalou Carrodeaguas.

Geraldine Leloutre

En Iribarne caben todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel, Serrat... pasando por episodios máis tráxicos, como Grimau, os asasinatos de ETA ou a morte de Franco. «Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente do país», afirma Castiñeira. «Pero non estamos a intentar facer historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, mirando dende aquí e agora, sen acritude, o pasado», conclúe o director.