Unha nova cita «coa análise e a reflexión» en Pontevedra da man da Semana Galega da Filosofía

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

DIPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

As sesións desenvolveranse dende o luns no Teatro Principal

29 mar 2024 . Actualizado a las 11:53 h.

Dende o luns e ata o vindeiro venres, 5 de abril, o Teatro Principal de Pontevedra acollerá una nova edición, a número corenta, da Semana Galega da Filosofía. O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, destacou esta semana que esta cita converteuse «nun evento único e nunha cita ineludible coa análise e a reflexión, que busca achegar o coñecemento, a filosofía, á sociedade», ao tempo que sitúa a Pontevedra «como líder do pensamento», grazas a poñentes que axudan a reflexionar e poñer luz sobre diferentes temas.

Son, por tanto, «catro décadas reflexionando, xerando pensamento crítico e achegando a Pontevedra algúns dos nomes máis relevantes dentro da filosofía contemporánea, tanto de ámbito estatal, galego ou internacional», engadiu ao respecto.

Na edición desde ano, a Semana Galega da Filosofía pivotará en torno á análise do concepto de tempo, «que preocupa ao ser humano e do que levamos millares de anos investigando».

Programación

Desde a Aula Castelao, organizadora da Semana, precisaron que a investigadora catalá Fina Birulés, especialista na obra e pensamento de Hannah Arendt, será a encargada de abrir unhas conferencias nas que se programaron un total de quince poñentes de diferentes ámbitos.

Así, no resto de sesións matutinas están programa a presenza de Ana Carrasco, profesora da Complutense de Madrid, que analiza o concepto de tempo a través da poesía de Tucídides, mentres que o mércores Ana de Miguel, profesora titular na Universidade Rey Juan Carlos, disertará sobre o Tempo das mulleres, tempo de feminismo. O xoves, Isabel Balza centrará a súa intervención no proxecto de ontoloxía temporal de María Zambrano e o venres Francisco Conde Soto, profesor da facultade de Filosofía da USC, falará Da redención do pasado ao presentismo sen futuro: a temporalidade no mesianismo de Benjamin e no capitalismo hipermoderno.

Sesións de tarde e noite

As sesións de tarde serán inauguradas o luns por Manuel Cabada con Entre o pasado, o presente e o porvir. A Galiza e o tempo centrado nas figuras de Martín Sarmiento e Castelao e na obra de Marx. Pola súa banda, o martes, o investigador Anselmo López Carreira abordará o desenvolvemento da sociabilidade humana no tempo que configura a nación e, ao día seguinte, Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía 2023, reflexionará sobre a necesidade da poesía que precisa tempo para abordala dende una interpretación crítica e reflexiva.

Xa o xoves, a profesora María Leyra centrarase nas figuras e o pensamento de María Zambrano e Rafael Dieste, e o venres o profesor Carlos Callón disertará sobre «os delitos lingüísticos, como moitos deles se reflicten na minorización das linguas en concreto da nosa lingua e das consecuencias que isto supón».

En canto ás sesións de noite, estas abriranse con Xurxo Mariño, biólogo e doutor en Ciencias Biolóxicas, e contarán tamén con Alicia Puleo, catedrática de Filosofía Moral e Política na Universidade de Valladolid, mentres que o mércores estará Cristina García Sanz, profesora de Socioloxía na Universidade Autónoma de Madrid. A Semana Galega contará o xoves co filósofo italiano Franco Berardi, autor de numerosos libros como Despois do futuro e A fábrica da infelicidade.

A programación clausurarase co profesor Arturo Leyte, catedrático de Filosofía.