Os concellos de Pontevedra homenaxean a Luísa Villalta polo Día das Letras Galegas

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CONCELLO DE PONTEVEDRA

O venres desenvolveranse no contorna de Pontevedra toda clase de actos

15 may 2024 . Actualizado a las 10:39 h.

Poio foi este luns un dos últimos concellos da contorna de Pontevedra en anunciar a súa programación polo Día das Letras Galegas, xornada na que se desenvolverán decenas de actividades para homenaxear nesta edición a Luísa Villalta. Este é un percorrido por algúns dos principais puntos de interese.

 

Pontevedra

Gaitas e concertos. Dentro da programación de Maio, mes da lingua, que arrincou hai uns días, o Concello de Pontevedra celebrará este venres a Festa da Lingua cunha ruada dende a praza da Peregrina coa banda de gaitas Polavila (20.30 horas) e concerto de Os Vacalouras e Catuxa Salom (21 h.) na praza da Pedreira, actividades nas que colabora a asociación A Pedreira, segundo anunciaron onte o concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, e Borxa Mexuto, integrante desta asociación. Todas as actividades incluídas no programa, que terán continuidade ao día seguinte, son abertas, de balde e para todos os públicos.

Bueu

Romaría das Letras. A 23 edición da Romaría das Letras de Bueu empeza ás 12 horas no Adro de Sanamedio (Bon) coa actuación de Os Liboreiros, seguido dun micro aberto das Letras Galegas. Pola tarde, e despois do xantar popular no lugar, a cativada poderá gozar dun contacontos ilustrado no que Polo Correo do Vento dará a coñecer a biografía de Luísa Villalta. Tamén haberá xogos populares.

Marín

Concurso de poesía. O Museo Manuel Torres de Marín acolle, dende as 12 horas, o acto institucional no que se entregará o premio do Concurso de Poesía, que recaeu en Up/in the air, a historia dun traxecto en avión a Belgrado, de Francisco Javier Fernández Davila. Previamente, programouse o obradoiro de lettering Debuxando versos con María Sancho, mentres que ás 13 horas desenvolverase un concerto de Emilio Rúa, acompañado da violonchelista María Mariño. Xa pola tarde e na Alameda, espectáculo da Editorial Galaxia con Oviravai e reparto de libros, así como concerto de primavera da Banda de Música.

Marín

Raíces, Versos e Sons. En paralelo, as asociacións Almuinha, Mocidade Polo Cambio e Céltica únense para presentar o primeiro Festival Raíces, Versos e Sons na Praza da Veiguiña. Dende as 17 horas sucederanse a inauguración dunha exposición de pintura de artistas locais, un recital poético e as actuacións de Zeltia Irevire e Miguel Frojan. Ademais, habilitaranse postos de artesanía e obradoiros de lettering.

Sanxenxo

Música. No marco do programa Sanxenxo Fala, a praza de Pascual Veiga será escenario dende as 12 horas dunha actuación do grupo de corda Dúo Silencio e Abiñadoira na Praza de Pascual Veiga a partir das 12 horas.

CONCELLO DE POIO

Poio

Exposición e certame literario. En Poio, tal e como presentaron onte, as actividades no Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó, arrancarán a véspera do 17 de maio coa inauguración da exposición Xaime Isla e utopía de Galicia, mentres que o propio Día das Letras Galegas os actos comezarán ás 17.30 horas coa entrega dos premios do XXXII Concurso Literario Xaime Illa, ao que se presentaron máis de cen traballos. Ese mesmo día tamén se desenvolverá unha Conversa con Ramón Rozas, «un gran amante do noso concello, pero sobre un escritor e xornalista cunha ampla traxectoria co que sempre é un pracer contar», sinalou o alcalde Ángel Moldes en relación cuns actos que finalizarán coa actuación do dueto musical Xistra.

Campo Lameiro

Teatro musical. No caso de Campo Lameiro, o goberno local colabora coa ANPA e co colexio para poñer en escena unha obra musical de Cantalúa.

AVIGAL

Avigal

Regalo dun libro. Pola súa banda, a empresa pontevedresa Avícola de Galicia (Avigal) impulsa dous accións para conmemorar o Día das Letras Galegas. Por unha banda, por cada compra do seu polo Pío está a regalar un exemplar da novela infantil/xuvenil O país da choiva, escrita por Miguel Ángel Alonso Diz, ilustrada por Xosé Tomás y publicada por Editorial Antela. A publicación foi personalizada cunha dedicatoria na súa primeira páxina. Por outra, a firma desenvolve o seu primeiro certame de literatura, de tal xeito que os interesados dispoñen ata o 15 de maio para participar nunha das tres categorías: prosa, poesía e ensaio. O gañador coñecerase o propio 17 de maio.

UNED

Recital poético. Pola súa banda, a UNED súmase á conmemoración do Día das Letras Galegas co recital A outra Patria, que terá lugar o xoves (20 h.) e que estará protagonizado polo poeta galego-venezolano Simón Rodríguez, afincado en Lugo e que gañou o Premio de Poesía O Facho 2023. Con esta iniciativa, o centro educativo busca «fomentar a lectura de literatura en lingua galega, reflexionar en torno á migración como fenómeno socio-cultural en Galicia, impulsar o fenómeno do neofalantismo e xerar un espazo de lecer e integración con perspectiva intercultural».

CONCELLO DE VILABOA

Vilaboa

«Leo e a música». No caso do Concello de Vilaboa, desenvolverase como remate da Semana das Letras, que mantivo estes días unha programación diaria orientada ao público infantil da man da Rede de Bibiliotecas de Galicia e dentro do programa local Reactiva Vilaboa, unha sesión matinal que dará comezo ás 12 da mañán con Leo e a música, na Casa de Cultura de Riomaior.