A Deputación de Pontevedra destina seis mil euros a promocional e divulgar este roteiro
18 nov 2024 . Actualizado a las 15:48 h.No marco dun encontro con alcaldes e concelleiros dos municipios da provincia polos que descorre a Vía Mariana, a deputada provincial de Turismo, Nava Castro, e o tamén deputado provincial Jorge Cubela anunciaron que a Deputación de Pontevedra destinará seis mil euros no 2025 para promocionar e divulgar este roteiro. Ao tempo, animaron aos alcaldes dos 13 concellos pontevedreses a presentalo en Fitur 2025.
A Vía Mariana é unha ruta de preto de catrocentos quilómetros que une os santuarios de devoción mariana desde Braga, en Portugal, ata a localidade coruñesa de Muxía. Trátase dunha combinación de pequenos camiños locais de advocación mariana que van aos principais santuarios portugueses e galegos mediante itinerarios antigos, de devocións a santos milagreiros que, no caso de Pontevedra, atravesa polos concellos da Cañiza, A Lama, Arbo, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Fornelos de Montes, Mondariz, Moraña, Ponte Caldelas, Pontecesures e Valga, preto de 140 quilómetros e sete das súas 18 rutas.
«Sabemos que hai moito traballo por diante, pero desde Turismo Rías Baixas imos poñer todas as ferramentas posibles para que a Vía Mariana siga promocionándose e cheguemos a máis xente», engadiu Nava Castro destacando que é unha ruta que «mostra o patrimonio histórico, natural e paisaxístico da provincia e contribúe a diversificar a oferta turística».