El Museo de Pontevedra reflexiona sobre os códigos éticos e estéticos arredor da imaxe da muller

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

MUSEO DE PONTEVEDRA

Están programadas dúas conferencias e outras tantas visitas

18 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Baixo o título de Códigos éticos e estéticos ao redor da imaxe da muller. Xuízos de valor e controversias sociais e culturais, o vindeiro 28 de febreiro o Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acollerá a terceira edición do seminario Mulleres, feminismos, canon. Están programadas dúas conferencias e outras tantas visitas guiadas á colección para «revisar os estereotipos de xénero na arte e as lecturas sobre o rol da muller na historia e no presente».

Enmarcada dentro da conmemoración do 8M, Día Internacional da Muller, e organizada en colaboración coa área de Antropoloxía Social e Cultural da Universidade de Vigo, esta xornada «encádrase nas liñas de investigación do Museo sobre a perspectiva de xénero e a necesidade de pensar novas narrativas nos museos do século XXI». Deste xeito, nesta edición proponse «unha reflexión ao redor dos códigos visuais na muller, como construcións culturais e sociais», precisaron dende o Museo, ao tempo que sinalaron que se analizarán «tanto os canons estéticos coma os códigos éticos, ás veces normativizados no ámbito xurídico e reflectidos na propia lexislación».

Así, intervirá a exiptóloga e profesora do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo, Iria Souto Castro, quen afondará nestes códidos no transcurso dunha conferencia sobre a visión das mulleres na arte exipcia presente nos museos, de tal xeito que sintetizará o que se sabe das mulleres na historia antiga de Exipto a través da evidencia textual, arqueolóxica e iconográfica.

MUSEO DE PONTEVEDRA

A muller árabe e musulmá

Pola súa banda, Waleed Saleh Alkhalifa, profesor honorario da Universidade Autónoma de Madrid, centrará o debate na Imaxe da muller árabe e musulmá na sociedade e a cultura, abordando como «esa visión foi cambiando en Occidente a través da historia da arte e como é na actualidade, moitas veces parcial e nesgada, que ignora a propia realidade social, cultural e xurídica».

Este seminario, por outra banda, pretende establecer un diálogo coa colección do Museo coa realización de dúas visitas comentadas. Unha delas a cargo de Helena Rodríguez Villar, do Departamento de Educación desta entidade cultural e investigadora, centrarase en A represión feminina na Guerra Civil a través da mirada de Castelao, mentres que Germán Labrador, investigador distinguido do Consello Superior de Investigacións Científicas, proporá en A imaxinación colonial no Museo de Pontevedra: unha viaxe crítica un percorrido a partir das nocións de extracción, capital e violencia.

O acceso ao seminario é libre, así como se lles entregará un certificado de asistencia áos inscritos en reservas.museo@depo.gal.