Un ciclo reivindica en Pontevedra ás escritoras do pasado a través de quince escritoras do presente

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

ADRIÁN BAÚLDE

A iniciativa da Deputación, bautizada como «Mulleres de palabra(s)», espallarase pola provincia ao longo de seis meses

20 mar 2025 . Actualizado a las 18:55 h.

Baixo a denominación de Mulleres de palabra(s), a Deputación de Pontevedra impulsará ao longo dos próximos seis meses un ciclo que «pon no centro a palabra das mulleres», destacou a xornalista Susana Pedreira incidindo no dobre significado desta denominación: «É unha confianza no valor que ten a palabra de muller e no ser unha muller de palabra. Cremos no valor que teñen as palabras das mulleres que escriben nesta provincia e engadimos ese plural porque o que queremos é que a palabra sexa a ferramenta de transformación, de seguir avanzando no camiño da igualdade a través do relato».

Esta nova proposta configurase como «unha aposta pola conversa arredor da literatura», engadiu destacando que nas actividades programadas «a conversa vai ser o centro na maioría das ocasións», pero tamén a formación a través de tres talleres. «O protagonismo vai ser para as escritoras do presente (...) e as escritoras do pasado da nosa provincia, de Galicia e de todo o mundo. É unha forma de reivindicar esa palabra que é a auténtica ferramenta de transformación social (...), que tantas veces lle foi negada ás mulleres».

ADRIÁN BAÚLDE

Pedreira aludiu a que, se ben «a voz das mulleres sempre existiu», na literatura «cantas veces a palabra das mulleres foi silenciada directamente, borrada a súa sinatura, cantas historias chegaron ata nós escritas por mulleres, pero asinadas por homes».

Neste punto, a escritora Andrea Fernández Plata apuntou que «son a primeira da miña familia, que non significa nada pero é bastante significativo, que estuda unha carreira. Veño dunha familia mariñeira e aprendín a contar historias a través de escoitar as historias que a min me contaban». Por iso, entende este ciclo como un espazo de encontro que «son unha escusa para chegar a outros lados».

ADRIÁN BAÚLDE

«Poñemos en foco ás escritoras e tamén ás palabras a través das que contan o mundo con perspectiva da escritura», matizou Sandra Bastos enmarcando Mulleres de palabra(s) no Ateneo Provincial pola Igualdade da Deputación de Pontevedra. A deputada provincial destacou que o obxectivo é reivindicar «a palabra das escritoras do pasado da man de quince escritoras actuais a través de obradoiros, recitais e conversas que espallaremos por todas a provincia».

Deste modo, o ciclo arrancará este venres coincidindo co Día Mundial da Poesía na sede da Deputación en Vigo cun recital e unha conversa con Tamara Andrés, Oriana Méndez, Silvia Penas e Marta Dacosta. Continuará o 22 de abril na Guarda coas novas voces literarias da provincia, Guada Guerra, Lara Dopazo e Andrea Fernández Plata. para rematar o 13 de outubro, Día das Escritoras, no Pazo Provincial «cunha conversa na que se xuntarán tres grandes referentes das nosas letras: Arantza Portabales, Susana Fortes e María Oruña».

Entre medias, o 21 de maio, Sanxenxo acollerá Escribir para as máis novas coa participación de Ledicia Costas, Eva Mejuto e Fina Casalderrey. Precisamente, esta última recoñeceu que «durante moitos anos non podíamos poñer unhas lentes violeta. Descoñeciamos os nosos propios dereitos (...). Vivín noutros momentos nos que non podo dicir que tivese soños prohibidos. Era peor. Había soños que pensábamos que non podíamos soñar sequera».

ADRIÁN BAÚLDE

Pola súa banda, Eva Mejuto resaltou que «a literatura infantil e xuvenil estea en pé de igualdade con outros xéneros literarios, como a narrativa, a poesía...», ao tempo que lamentou que «hai moitas escritores, moitas ilustradoras, non tanto directoras de editoriais». «Por moitas escritoras que haxa, se non hai editoras, se non hai empresas, se non hai un sistema literario, un tecido empresarial de librerías, de bibliotecas, non ten sentido», acotou.

Ademais, están programados tres obradoiros. Pontevedra acollerá o primeiro en xuño, O persoal é literatura. O uso da primeira persoa na escritura das mulleres, dirixido por Diana López Varela, mentres que o segundo terá lugar na Lama. Así, Maritza Berttolini estará ao fronte de Bordado de Palabra, iniciativa antesala do terceiro dos talleres que, de novo, terá lugar na cidade de Pontevedra en setembro con Para ler poesía a cargo de Apiario, Dores Tembrás e Antía Otero.

ADRIÁN BAÚLDE

Faladoiros feministas

Pola súa banda, no marco da programación do 8M, o Concello de Pontevedra impulsa Faladoiros Feministas e a derradeira representación da obra Invisibles. «Para nós o feminismo transcende a data fixa do 8 de Marzo, unha xornada reivindicativa, para pór o foco na realidade das mulleres e de mobilización», sinalou a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías.

CONCELLO DE PONTEVEDRA

Todas as charlas-debates dos Faladoiros Feministas desenvolveranse na sala multiusos do Teatro Principal, ás 19.00 horas, abarcando tres ámbitos: deporte, política e cultura. Así, a primeira delas, a o 26 de marzo, terá como protagonista á karateca Ruth Lorenzo Couso, mentres que o 1 de abril será a quenda das parlamentarias autonómicas Paloma Castro (PSOE), Olalla Rodil (BNG) e Raquel Arias (PP). E unha semana despois tomarán o relevo as integrantes de Tanxugueiras, o trío de pandereteiras formado por Aida Tarrío e as irmás Sabela e Olaia Maneiro.

De igual xeito, a programación municipal en torno ao Día Internacional da Muller inclúe a derradeira función da obra Invisibles, de Redrum Teatro, dirixida por Marián Bañobre e baseada no libro homónimo da xornalista Montse Fajardo, que relata historias reais de violencia de xénero, sufridas por sete mulleres galegas. A cita é o 2 de abril no Teatro Principal con entrada libre ata completar aforo.