Resoan, un cruce de camiños musical con Kiki Morente, Rodrigo Cuevas, A Banda da Loba, Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre e Abraham Cupeiro

PONTEVEDRA

O Concello de Pontevedra confirmou tres novos concertos dun ciclo que se estenderá ata maio
19 mar 2025 . Actualizado a las 20:24 h.Ás actuacións xa anunciadas de Kiki Morente, prevista para este sábado no Teatro Principal de Pontevedra, e de Rodrigo Cuevas, o 12 de abril no recinto feiral, o ciclo Resoan engadiu outros tres novos concertos. Así o confirmou este xoves o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, ao dar conta dunha programación que se configura «como unha viaxe cultural e musical a través de distintos estilos, nacionalidades e xéneros», destacaron dende o Concello de Pontevedra.
Demetrio Gómez precisou que Resoan «desenvolverase ao longo das vindeiras semanas, até maio, en tres espazos distintos: o Teatro Principal, o auditorio do Pazo da Cultura e o recinto feiral, que se recupera como espazo musical para actuacións maiores». O edil de Cultura precisou que se trata dun «ciclo de billeteira, a través de Ataquilla, agás o de Rodrigo Cuevas, que está en Woutick, e do que apenas queda o 20 % das entradas».

Na súa comparecencia, Demetrio Gómez non dubidou á hora de empregar o termo anglosaxón crossroads para definir o cartel de Resoan, dado que «a programación enteira atravesa camiños dun lado cara outro para facer cousas novas e sorprendentes».
Deste xeito, despois das actuacións de Kiki Morente e de Rodrigo Cuevas, o 2 de maio tomará o relevo no Teatro Princial, a partires das 21 horas, A Banda da Loba, agrupación embarcada na actualidade na xira de presentación de Lovismo, o seu quinto traballo discográfico. Oito días máis tarde, o 10 de maio, e no mesmo espazo e hora, Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre. A casualidade fixo que o anuncio deste concerto coincida practicamente no tempo coa publicación do libro Cancioneiro Galego Serodio 1989-2012 co que Xabier Díaz pecha a súa homenaxe ás cantareiras.
Pola súa banda, o terceiro dos concertos anunciados por Gómez, o de Abraham Cupeiro, terá lugar o 24 de maio no auditorio do Pazo da Cultura.