
Baixo o título de 25 de abril, sempre, O Ateneo de Pontevedra, en colaboración co Concello de Pontevedra, organiza un ciclo de palestras en conmemoración da Revolución do 25 de Abril de 1974 en Portugal, a Revolução dos Cravos. Así, este venres, na Casa das Campás (19 horas), na que leva por título Operación Viragem histórica no Porto se contará coa presenza dunha figura relevante no que foi este proceso histórico no norte de Portugal, o hoxe coronel retirado Jose Adelino Castro Carneiro, mentres que o profesor titular de Historia Contemporánea no Departamento de Historia e Estudos Políticos e Internacionais da Facultade de Letras da Universidade de Oporto, e investigador senior no Instituto de Historia Contemporánea Manuel Loff abordará a Do verán quente á Contrarrevolución.
Posteriormente, o propio 25 de abril, desenvolverase unha cantata comunal e pública do Grândola Vila Morena, que estará conducida polo musicólogo Nelson Quinteiro e terá lugar ás 19.30 horas na escaleiras do Teatro Principal, sempre se o tempo o permite.
E como peche, tamén na Casa das Campás, dende as 19 horas, o 28, desenvolverase a palestra Portugal 1975, un país dúas Revolucións co xornalista da RTP (Rádio Televisão Portuguesa) e profesor na Universidade Lusófona de Lisboa Jacinto Godino e máis a palestra A recepción da Revolución dos Caraveis na diáspora da man do profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra Alberto Pena.