Homenaxe a Amelia González nas Xornadas Gastronómicas en Feminino de Bueu

BUEU

ADRIÁN BAÚLDE

15 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Como remate das terceiras Xornadas Gastronómicas en Feminino, este sábado, a partires das 12.30 horas, a casa consistorial de Bueu acollerá unha homenaxe a Amelia González, quen en 1961 fundou xunto o seu marido José Solla o restaurante Casa Solla de Poio. «Moita xente da hostalaría de Bueu pasou pola cociña da Señora Amelia, e por iso é unha muller moi querida, que estaba detrás da cociña de Casa Solla aínda que sempre permanecese agochada», destacou Antonio Rosales, representante da Asociación de Empresas Hostaleiras de Bueu.

Deste xeito, no transcurso deste evento «está prevista unha charla-coloquio na que a homenaxeada falará da súa traxectoria ou anécdotas», apuntaron dende o Concello de Bueu. Recordaron, neste sentido, que «foi Amelia González a que conseguiu co seu home a Estrella Michelin que hoxe o restaurante conserva» e que está xestionado polo seu fillo, Pepe Solla, quen «dende o ano 2003 segue o camiño en solitario, co respecto á historia tanto dos seus pais como de Galicia», engadiron.