As Xornadas Xan Montenegro céntranse na figura do neopetroglifeiro José Meijón
MARÍN
O sábado programouse unha homenaxe a Xan Montenegro
13 nov 2024 . Actualizado a las 12:14 h.Entre o xoves, 14 de novembro, e o domingo, 17, desenvolveranse as oitavas Xornadas Xan Montenegro de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, que están organizadas polo Colectivo Monte Pituco (Pornedo). Nesta ocasión, levan por título José Meijón, maza e cicel, polo que xirarán en torno a este canteiro, José Meijón Area, nado en Marín en 1899 e falecido en 1980.
A programación arrancará no Museo Manuel Torres de Marín cunha charla na que o profesor e investigador Germán Labrador e a presidenta da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín, Queta Molas, afondarán na Historia e memoria dun neopetroglifeiro. O título fai referencia a que o Meijón Area, «ao longo de case cincuenta anos, dedicouse a realizar gravados en numerosos espazos da vila, tanto no casco urbano como no litoral e no monte, incluído o Pornedo», actividade que, para Germán Labrador, «obedeceu non só ás escuras forzas da loucura, senón tamén a unha irrefreable vontade de facer arte, recoñecida polos seus coetáneos en clave de beleza, pero invisible hoxe aos ollos das institucións en xeral, e das artísticas en particular, por máis de ser estritamente contemporánea e afín respecto de proxectos de intervención paisaxística que etiquetamos como land-art».
Guerra Civil e franquismo
Pola súa banda, Queta Molas contextualizará historicamente a obra do canteiro marinense no marco dunha etapa marcada pola Guerra Civil e pola ditadura franquista.
O certo é que a abundancia de gravados determinou que o Colectivo Monte Pituco organizase dúas rutas para visitar algúns dos enclaves nos que Meijón deixou a súa pegada. As saídas serán o venres (19 h.) e o domingo (10 h.), ambas dende a Praza de Abastos de Marín.
Estas xornadas completaranse coa celebración, xa o sábado, dunha homenaxe (13 h.) a Xan Montenegro, que, coincidindo coa conmemoración do Día do Patrimonio Mundial, está organizada pola familia e os achegados de quen fora presidente da Asociación de Veciñas e Veciños de San Xián, ademais de activista cultural e político. Será no lugar do Carballal, ao carón do monólito instalado en 2013, dous anos despois do seu pasamento.