Poio impulsa unha programación polo 8M que prestará especial atención aos centros de ensino

POIO

Tamén este xoves foi aproveitado polo Concello de Poio para presentar a súa programación para conmemorar o Día Internacional da Muller, uns actos que arrancarán a véspera, o 7 de marzo, coa homenaxe Mulleres que fan Poio. Neste acto institucional recoñecerase a traxectoria de cinco veciñas, unha por parroquia.
Acompañado pola concelleira de Benestar, Natividad Torres, persoal do Centro de Información á Muller (CIM) e de Quique Morales, autor do documental alcalde, o alcalde Ángel Moldes resaltou que «temos no noso concello moitas mulleres que son exemplo de forza, de empuxe, de constancia. Mulleres e exemplos que é necesario poñer en valor, para recoñecer todos os avances conseguidos en moi pouco tempo, pero tamén para recordar que, coa implicación de todas e de todos, é fundamental seguir avanzando cara unha igualdade real, inclusiva e efectiva».
Ademais deste acto institucional, outra veciña de Poio, a artista Mai Ferreira, exporá os seus collages na mostra Mulleres (in)visibles, que se poderá visitar no Casal de Ferreirós do 14 ao 28 de marzo. A programación de Poio, de igual xeito, inclúe a proxección de varias curtas no instituto con temática sobre igualdade e nos centros de primaria desenvolveranse contacontos a cargo de Polo Correo do Vento.