O Apalpador chega a Bueu, Poio programa a Gala do Circo e Sanxenxo un espectáculo cos Bolechas

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

SANXENXO

CONCELLO DE POIO

27 dic 2023 . Actualizado a las 18:54 h.

A contorna de Pontevedra continúa este xoves coa súa intensa programación navideña, de tal xeito que Sanxenxo é un dos principais epicentros desta xornada. Así, a praza de Pascual Veiga acollerá dende as 12 horas un showccoking de cociña de Nadal a cargo do Obradoiro de Hostaleira da Mancomunidade do Salnés e actividades para os máis cativos, mentres que, neste mesmo espazo pero ás 13.30 horas, La Reina Vudú amenizará a sesión vermú.

Xa pola tarde, dende as 17 horas, o Pazo Emilia Pardo Bazán será escenario dun espectáculo para toda a familia, Os Bolechas: Búscase. Entrada de balde ata completar aforo.

Na outra marxe da ría de Pontevedra, en Bueu, O Apalpador chegará á vila portuaria ás 11 horas, onde se reunirá cos nenos e nenas na praza do Concello. Pola tarde, dende as 19.30 horas, proxectarase no Centro Social do Mar o documental A última dorna de Ons do músico bueués Antón Davila e do fotógrafo Anxo Cabada. Neste audiovisual contase a historia de Cesáreo Patiño, mariñeiro de 80 anos supervivente dunha forma de faenar na illa de Ons a bordo da súa dorna destacando as imaxes terrestres e aéreas dun lugar considerado un dos grandes patrimonios naturais e históricos da vila bueuesa, destacaron dende o concello.

E no Museo Massó continúan os obradoiros de Nadal, neste caso co que leva por título O Nautilus de Lugrís. Inscrición gratuíta para nenos maiores de 4 anos.

No caso de Poio, son tamén varias as actividades previstas para este xoves. Así, ás 16.30 horas a batukada Os Queimatasas comezará a animación polas rúas de Raxó, ata onde se trasladará a Fedelleneta con Tere e Javi Solla Animación (17.30 h.). E na carpa Poio Máxico desenvolverase dende as 18 horas a Gala do Circo que, presentada por Moura Teatro, ofrecerá os espectáculos Clowntaminación, con Rudi Dudi; El autoestopista intergaláctico, con Aitor Garuz; e Sin medidas, con Jano Costas. A xornada rematará ás 19 horas co concerto de panxoliñas de Canta nas Croas na Aldea das Palleiras, na Praza da Chousa de Combarro.

Outros concellos

Pola súa parte, en Vilaboa, Os Chichisos prosiguen cos ensaios na Casa do Pobo de Bértola cos Cantos de Reis que desenvolverán a principios do 2024. Con prazas limitadas, os ensaios desenvolvense dende as 20 horas.

Tamén Caldas de Reis programou actividades este 28 de decembro, de tal xeito que ChocoNadal achegarase ás 20.30 horas a Arcos da Condesa coa agrupación folclórica As Espiñas.

En Barro, e máis concretamente no Pazo da Crega, programouse un concerto de Aghrú e Ana Angueira (20 h.), mentres que en Campo Lameiro levarase a cabo ás 18 horas terá lugar no Auditorio Sobrino Buhigas un obradoiro para elaborar máscaras a partir de elementos naturais. Para participar hai que inscribirse previamente nas oficinas do Concello porque as prazas son limitadas.