
O musical basease no poema de Manuel Curros Enríquez
29 dic 2023 . Actualizado a las 13:26 h.O Auditorio Emilia Pardo Bazán acollerá este venres, a partir das 21.30 horas, a estrea do musical Unha noite na eira do trigo. A entrada é gratuíta ata completar o aforo, aínda que os interesados terán que dispor de invitación, que se puido retirar nos días previos nas instalacións do propio auditorio.
Esta peza audiovisual de aproximadamente noventa minutos de duración, e cuxa proxección se enmarca na programación navideña de Sanxenxo, está baseada no poema de Manuel Curros Enríquez, convertido en cantiga por Los Tamara. Ademais, conta coa participación de máis de medio centenar de veciños do concello en localizacións como A Arnosa, o Pazo do Revel, o porto de Portonovo, a taberna de O Risonsiño, entre outros espazos.

Por outro lado, a banda sonora corre da man da orquestra La Ocaband, pero tamén participan Manuel Manquiña e Pepo Suevos. Ao fronte da dirección atopanse Xoán Manuel Paradela, Dani Dopazo e Carlos Alleres.
Unha noite na eira do trigo preestreouse no bar O’Spa de Vilalonga «cun gran respaldo por parte dos espectadores», de tal xeito que esta noite será a estera oficial. Dende o Concello de Sanxenxo engadiron que «se trata dun musical diferente onde se mestura o teatro, o cine e a música para trasladar ao espectador dende a actualidade ata os anos 30 e 80».
Deste xeito, a través do poema de Curros Enríquez e as cancións de Los Tamara «nárrase a historia de tres xeracións diferentes xogando co espectador en distintos espazos e creando un forte vínculo emocional».

Esta obra, que conta co patrocinio da Xunta e a colaboración do Concello de Sanxenxo, proxectarase o 4 de xaneiro en Noia e dous días despois en Quiroga.
Outras citas
Ademais da proxección deste audiovisual, outras citas que se desenvolverán nesta xornada é unha sesión de teatro infantil coa posta en escea de Conto de Nadal (17 h.) no IcePark habilitado na contorna do Porto Deportivo Nauta Sanxenxo. Pola súa banda, na Casa da Cultura de Dorrón, dende as 20.30 horas, despedida do Ano Vello.