Corenta expertos a nivel internacional analizan a sociedade do futuro no Gaiás

M. G. Iglesias SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Cézaro De Luca

O encontro «Carta de Santiago» celebrarase desde o día 5 ao 7 deste mes

01 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Conformar unha folla de ruta para afrontar os desafíos globais aos que se enfronta a sociedade actual. Ese é o obxectivo que persegue o encontro internacional «Carta de Santiago», que se desenvolverá na Cidade da Cultura desde este venres 5 ao domingo 7. Para acadar esa meta reunirá a corenta líderes internacionais no ámbito da ciencia, a cultura, o medio ambiente e os cambios sociais. Deste xeito, participarán representantes da Organización Mundial da Saúde (OMS) e da OCDE, científicos recoñecidos polo MIT e as universidades de Cambridge e Harvard, así como premios de ensaio, divulgación e emprendemento, entre outros.

Este encontro internacional, un dos principais eventos de reflexión no marco do Xacobeo 21-22, está organizado pola Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación Paidea. Durante os tres días abordará desafíos como o cambio climático, a medicina do futuro, a relación entre tecnoloxía e democracia, a innovación pedagóxica e as cidades do mañá.

A programación de «Carta de Santiago» estrutúrase en catro grandes áreas: cultura e artes, medio ambiente, economía e sociedade, e ciencia e tecnoloxía. Como metáfora, cada unha delas recibirá a denominación dalgunha das rutas xacobeas. Serán, respectivamente, Camiño de Inverno, Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, Camiño do Norte e Camiño Portugués. En cada un dos ámbitos organízanse dúas mesas de debate e unha conferencia.

No apartado da cultura e as artes, os expertos abordarán asuntos como a transformación cultural e o patrimonio, así como as novas economías creativas. En medio ambiente, sobre a mesa estarán a Axenda 2030, o cambio climático e a biodiversidade. En economía e sociedade, os expertos abordarán asuntos vinculados ás neoeconomías, ás neofinanzas, á innovación social, á educación e á diversidade. Por último, saúde, biopolítica, tecnoloxía, ciencia e humanismo serán os eixos do ámbito de ciencia e tecnoloxía. Este foro «Carta de Santiago. Diálogos para unha sociedade do futuro», non rematará despois dos tres días de conversas e mesas de debate no edificio CINC da Cidade da Cultura. Os acordos e conclusións do encontro plasmaranse no documento «Carta de Santiago».

Para o deseño deste programa, contouse coa colaboración de profesionais de Galicia de diversos campos do coñecemento, como a xefa do grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas, Marisol Soengas; o director da Escola Galega da Paisaxe, Pedro Calaza; a divulgadora Mónica Fernández; a doutora en Ciencias da Computación Ana Freire, a cantante Luz Casal e o escritor Domingo Villar, entre outros.

Abordarán das consecuencias do quecemento global na saúde a como abastecer as urbes

As corenta voces que intervirán no encontro internacional «Carta de Santiago» son especialistas en moi diversos eidos. Un dos nomes propios destacados, o empresario belga Gunter Pauli, será o encargado de abrir esta cita o venres ás 12.00 horas no CINC. El é o pai do termo «economía azul» e recompilará máis dun cento de exemplos de proxectos sostibles que xeran beneficios e trasladará ideas creativas, como a implantación de bosques de algas no mar para recoller microplásticos. Outro dos nomes destacados é o de María Neira, que pechará os encontros o domingo a partir das 13.15 horas. A directora de Saúde Pública e Medio Ambiente da Organización Mundial da Saúde (OMS) está considerada unha das cen persoas máis relevantes na loita contra o cambio climático e achegará o seu coñecemento e experiencia sobre saúde pública. Os outros dous protagonistas das conversas «(Re)imaxinando o século XXI» son Pino Sagliocco, presidente de Live Nation, que foi promotor musical de xiras mundiais de artistas como Alicia Keys e Iron Maiden; e Joséphine Goube, directora executiva de Techfugees for Impact, unha plataforma a nivel internacional para crear solucións que contribúan á inclusión de persoas refuxiadas. É experta en migracións e innovación social.

Pero hai máis nomes que sobresaen a nivel internacional no foro compostelá. Intervirá a arquitecta británica Carolyn Steel, que aborda como abastecer de comida ás grades urbes do planeta; a directora de Asuntos Financieiros e Corporativos da OCDE, Mathilde Mesnard, que lidera políticas sobre anticorrupción; a pintora Miriam Escofet, que foi elixida para realizar o retrato oficial da raíña Isabel II de Inglaterra; así como o científico coruñés César de la Fuente.

A inscrición é gratuíta e o foro poderá seguirse no CINC e por «streaming»

A inscrición para asistir ao encontro «Carta de Santiago» na Cidade da Cultura está aberto e pode realizarse desde a web www.cartadesantiago.com ou en Ataquilla.com. É de balde e hai a posibilidade de anotarse para os diferentes foros e charlas de xeito individual. Ademais de acudindo presencialmente ao edificio CINC, tamén hai a posibilidade de seguir as intervencións dos corenta expertos participantes no foro a través de «streaming».