A Festa das Letras Galegas chegou aos concellos da bisbarra con múltiples actividades lúdicas

La Voz SANTIAGO

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Bugallido viviu unha xornada de música e obradoiros, o Casino compostelán agasallou libros e 200 persoas camiñaron en Rois

18 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A bisbarra de Compostela fixo do Día das Letras Galegas unha verdadeira festa. As actividades multiplicáronse outorgando un carácter lúdico á reivindicación da lingua, con accións que chegaron aos concellos da zona. A Asociación Centro Cultural Mahía, en colaboración coa entidade veciñal e agraria de Bugallido (Ames) celebrou a primeira edición da Carballeira das Letras, cunha programación que se prolongou durante toda a xornada. Ao mediodía comezaba un obradoiro para os máis cativos sobre a figura de Luísa Villalta, para dar paso a un concerto de violíns e voces do Dúo Trevo, coa colaboración dun grupo de violíns da Escola Municipal de Música de Ames, e un recital da Coral Polifónica de Bugallido. Baixo carpa polo mal tempo houbo xantar veciñal, e pola tarde gravouse un flashmob co tema Chea de vida, da artista e veciña Guadi Galego, con concertos á tardiña de Uxía Trío (con Uxía Senlle) e As Maianas. Hoxe segue a foliada, con Treixadura, a partir das 20.30 horas.

  

Sandra Alonso

Pola súa banda, a Asociación Cultural Casino de Santiago sumouse á celebración agasallando libros durante toda a xornada a quen pasaba pola entidade, nunha actividade desenvolta baixo o lema Un café máis un libro.

 

JUAN MARTINEZ

En Rois foron unhas 200 persoas as que se enfrontaron ao mal tempo para sumarse á quinta edición da andaina de Santo Isidro e as Letras Galegas, nunha ruta circular que partiu do polideportivo de Urdilde e pasou pola capela de Soutullo. O alcalde, Ramón Tojo, agradeceu a participación nesta andaina solidaria, cuxa recadación se destina a Asanog, colectivo que axuda a nenos con cáncer.

Na Casa da Cultura da Baña fíxose entrega do premio Daniel García Ramos á mestra María Jesús Álvarez Ramos, para recoñecer o gran labor que fixo durante vinte anos no colexio de San Vicente (onde tamén foi xefa de estudos), e deixou a súa impronta en varias xeracións de bañenses. A tenente de alcalde, Mónica González, lembrou que Chus Álvarez (hoxe no IES Arcebispo Xelmírez) pertence a unha saga de mulleres adicadas ao ensino con raíces na Baña, xa que a súa nai e as súas cinco tías tamén exerceron a docencia.

A literatura foi protagonista en Brión, Dodro e Boqueixón

Os galardóns literarios tiveron tamén presenza na comarca de Compostela. O escritor José Luis Baños de Cos (Xerez da Fronteira, 1977) recolleu o premio Laudamuco para textos teatrais de mans do alcalde de Brión, Pablo Lago. El foi o gañador con A porta. Un relato de violencia da sexta edición do certame convocado polo Concello brionés, en colaboración coa Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas, e que está dotado con 7.000 euros, unha figura conmemorativa obra do artesán Xosé Vizoso e a edición da obra por parte de Edicións Positivas, algúns de cuxos exemplares se entregaron na noite do xoves na entrega do galardón.

Baños dixo que recibir o Laudamuco «é un soño. Eu empecei moi tarde a escribir teatro e Vidal Bolaño foi para min un superheroe. Eu son xente de teatro, vou ao teatro, leo teatro», mostrándose emocionado por estar con persoas «que son historia do teatro e que viñeron a verme. Estou como un neno nun día de Reis», dixo antes de adicar unhas verbas á situación que atravesa Gaza.

En Dodro, Manuel López Rodríguez presentou onte pola tarde o seu poemario As palabras do sur, co que se proclamou gañador do certame Eusebio Lorenzo Baleirón a finais do 2023. No acto, presidido polo alcalde Xabier Castro, participaron xunto co poeta o concelleiro de Cultura, Ramón Abuín, e Antón Lopo, escritor e representante da editora Chan da Pólvora, responsable da publicación do libro. O rexedor expresou que o Concello seguirá loitando para que a Real Academia Galega adique o Día das Letras a Lorenzo Baleirón, o poeta que dá nome a un certame con 36 anos de traxectoria, como recoñecemento ao seu traballo e á súa contribución á lingua galega.

 

Pola súa banda, máis de 200 escolares participaron no colexio Antonio Orza Couto no Festival das Letras Galegas de Boqueixón, con presenza de Iria Aldegunde para presentar a súa adaptación á banda deseñada de Memorias dun neno labrego, editada por Galaxia. Máis tarde, o alcalde Ovidio Rodeiro e o concelleiro de Cultura, Gonzalo Redondo, procederon a entregar os premios do certame de relato curto Xosé Neira Vilas. O primeiro premio, para alumnos de 3º e 4º de Primaria, foi para Hugo Rosende Borrageros, secundado por Icía Amorín López e Yerai Castro Salgueiro; na categoría de 5º e 6º de Primaria venceu Fátima de la Iglesia Lobato, con Abel Brey Castro na segunda posición e Samuel Campos Bernal no terceiro lugar. En Secundaria impúxose Noa Méndez Picallo, seguida por Nerea Rendo Sánchez e Ainoa Rouco González.