«Non sei como cheguei aos 94 anos con todo o que teño loitado e cos desgustos que levei»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez ROIS / LA VOZ

ROIS

U. López

A veciña de Rois Greta Uzal mantense activa coidando a súa horta, na que mesmo aínda corta a herba coa gadaña

10 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A fotografía que acompaña esta reportaxe non é de postureo, senón que ilustra unha práctica en desaparición en Galicia que aínda mantén a protagonista, Greta Pilar Uzal Chico, veciña de Os Dices, en Rois, de 94 anos, quen usa a gadaña e o fouciño para cortar a herba na leira. Ela é memoria viva do dura que foi a vida na aldea de moitos avós e bisavós e, pese a iso, aí está, activa, traballando o que pode, como di ela, pero con moito humor e mesmo botándolle unha canción cada pouco.

Na aldea é común ter unha nai, avoa ou bisavoa que traballe a horta, pero ningunha como ela que, camiño dos 95 anos, ás sete e cuarto da mañá xa está na leira coidando das súas plantas e a última hora de tarde volve para regalas. Greta Uzal naceu na aldea de Ferreiros, casou cun veciño de Seira e, tras vivir uns anos nos Vilares, leva 54 nos Dices, onde reside coa súa filla Eulalia.

Conta que a súa «foi unha vida de traballo, moi escrava, unha penuria», empezando a traballar de nena, cando xa ía co rabaño das ovellas dos veciños ao monte ou a cortar mulime, mentres á escola «ía ás escapadas porque non había tempo», rememora.

Con máis idade, con 12 ou 14 anos, a súa vida pasou no monte, traballando duro na plantación de árbores, ao igual que moitas outras mulleres. Así, explica que botou 15 anos dende que empezaron a plantación no monte de Ferreiros, indo polo da Cabana ata o de Abelendo e Saíme, todo en Rois. Ao acabar, volveron ao inicio para a corta de pinos, no que o seu traballo era espolalos para cargalos nos camións. «Non foi unha broma», insiste a veciña cando pensa naqueles tempos.

Tamén fixo desmontes de terreos e cortalumes «de 40 metros de longo por 10 de ancho», no Lapido e po riba da A Escravitude ata chegar a Lampai, relata cunha memoria que vai mesmo ao detalle. «Había que sacar a terra e non podía quedar unha herba», lembra a veciña dos Dices. E neses tempos tamén ía vender landras e piñas.

En tódolos traballos sempre se desprazou a pe dun lado para outro, como cando ía coa nai a vender pericos a Santiago e paraban a durmir no Camiño Novo. «Levei unha vidiña moi escrava. Non penses que foi unha broma. Algunha vez penso que non sei como cheguei a esta idade con todo o que teño loitado e con tantos desgustos que levei» asegura. Entre eles, perdeu a dous irmáns moi novos, quedou viúva con 60 anos e viu como os seus dous fillos sufriron accidentes graves, de modo que el quedou con secuelas severas para a vida.

Achaques

O mesmo día que o fillo sufriu o accidente laboral, Greta ingresou no hospital tras ser diagnosticada de diabetes. Tivo algún achaque importante máis, pero «aquí está contándoo», di a súa filla Eulalia, quen engade que «para nós é un orgullo moi grande que estea tan ben despois de pasar as que pasou. Ela é totalmente independente, ten humor e é divertida. Está a sachar e está a cantar», relata Eulalia.

«Sei un cento de cancións», corrobora súa nai con alegría ao tempo que se pon a cantar unha. De feito, o Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima foi xunto a ela para facer unha recollida de pezas. Con moito humor, Greta explica que «teño todo postizo»: dentes, ollos (usa gafas) e oído (ten audífonos), ademais dun bastón para camiñar polo camiño, que non pola horta. Un anaco de terra que chama a atención polo coidada que está, todo traballado por ela, incluído a preparación dos viveiros de plantas de pementos e tomates. «Fago o que podo, pouquiño a pouco», di ela, como quitándose méritos. «Eu enrédome na horta», sinala a protagonista. A filla engade que súa nai tamén «poda e ata a viña», quizais porque é a súa forma de estar entretida xa que «a televisión enrédaa pouco; ela prefire coser á man ou ler», afirma Eulalia, quen desvela, ademais, que Greta «sempre quere un prato de verdura para comer». Quizais ese sexa o segredo da súa vitalidade e do seu amor pola horta.