Lúa e María, as irmás que ensinan Santiago por partida dobre: «A xente pensa que somos a mesma; nos vídeos que facemos xuntas pregúntannos se nos multiplicamos»
VIVIR SANTIAGO
Raro é velas por separado. Comparten piso, armario, grupos e tempo. Tamén idioma: « Nin de broma seriamos capaces de poñernos diante dunha cámara e comezar a explicarnos en castelán»
03 jun 2025 . Actualizado a las 15:45 h.Lúa Trillo define á súa irmá, María Carnota, como unha persoa sensible, fiestera e «un pouco desastre». María, con todo, pensa que Lúa é ordenada, algo máis tímida que ela e tamén «un pouco toxo». Comparten armario, pero, cando van de tendas, Lúa é a que compra a roupa e María é a que a estrea. Nos restaurantes é Lúa a que pide os pratos das dúas. María non pon pegas porque elixir dáselle «moi mal». Aínda que nas redes confúndanas, a súa forma de ser é «completamente distinta». «As nosas amigas, que nos coñecen ben, din que non nos parecemos en nada», asegura Lúa, afeita ver desconcerto entre os seus seguidores cando se dan conta de que son dúas no canto dunha: «A xente pensa que somos a mesma persoa. Creo que agora xa nos teñen máis localizadas, pero nos vídeos que gravamos xuntas pregúntannos se nos multiplicamos».
Elas arrasan en Instagram e en TikTok ensinando Santiago por partida dobre. Aínda que moitos pensen que son xemelgas, Lúa e María Trillo —que en redes escolleu chamarse co nome do seu pobo, Carnota— levanse dous anos e medio. A primeira ten 24 e a segunda vai cumprir os 22. Nos que levan en Compostela deulles tempo a ser tamén compañeiras de piso, aínda que Lúa, que terminou este curso a carreira de Relacións Laborais e Recursos Humanos, xa volveu a casa. María, que segue en Educación Social, múdase agora á habitación que deixou libre a súa irmá. É «a boa» e unha das súas esquinas xa foi escenario nalgún vídeos: «Poñemos mona a parte que sae e parece que está ben, pero é mentira. Os pisos en Santiago son feos e complicados para ensinar, e iso que nós aínda tivemos sorte. Nesta habitación entra luz», explican, poñéndolle voz e imaxe a un problema universal entre os estudantes da cidade.
Ademais de piso, comparten armario. Tamén grupo de amigos e gran parte do seu tempo libre. «A xente flipa ao ver que nos levamos tan ben sendo irmás. O raro é que non esteamos xuntas. Todo o mundo sorpréndese cando nos ve por separado», explica María. Comezar no mundo das redes sociais tamén foi unha reacción en cadea. Sen a decisión dunha non se entendería a da outra. Viñan de Youtube, onde colgaban vídeos ensinando roupa, viaxes e algún reto viral. Deixárono e, tempo despois, volveulles a picar a curiosidade. Foi Lúa a primeira en dar o paso, esta vez colgando o contido en forma de reel de menos de dous minutos. «Cando empecei, María dicíame: 'Non che dá vergoña?'», lembra, aínda que pouco lle durou o medo á súa irmá. «Eu dixen: 'Si, home. Eu tamén quero!'. Subín un vídeo e xa desde aquela. Deume envexa», bromea María.
Gravan contido de moda, recomendacións de locais e de viaxes. María, ás veces, conta algunha que outra anécdota coa súa irmá, algo que á xente «encántalle». Cando aparecen xuntas saen a relucir os parecidos. Levan o mesmo corte de pelo e o seu estilo ao vestir tamén é similar. Aínda que elas non o dan visto, entenden os factores que poden levar á confusión. «Eu creo que boa parte é pola forma de falar, que non é común en TikTok», reflexiona Lúa. Elas exprésanse en galego, o idioma que sempre escoitaron na casa. Son de Carnota e por iso usan a fonética do seseo e da gheada con naturalidade. «O máximo e único hate que temos é por iso, porque din que non falamos ben. Se o vídeo faise un pouco viral, ese comentario xa vai estar aí», indica Lúa, asegurando que gran parte dese odio vén escrito en castelán.
María enumera algúns dos comentarios máis recorrentes. «Un día fixen un vídeo en Vigo. Por pronuncialo como Vijo dixéronme de todo, desde 'Es unha verguenza para o galego falando así' ata 'Para que fales así é mellor que non fales'», lembra. «Eu non imaxino parar a falar con alguén na rúa e dicirlle: 'Como falas así? En serio o fas de normal? Forzas o acento, iso non é galego'. Eu non estou a forzar nada», engade Lúa, en referencia á mofa que máis lles soen repetir.
Elas nunca se propuxeron cambiar de idioma para gravar os vídeos. «Non foi unha decisión, non tivemos que decidir nada porque nós nunca falamos en castelán. Falo en galego porque, sinceramente, tampouco me sairía facelo noutro idioma. Nin de broma seriamos capaces de poñernos diante dunha cámara e comezar a explicarnos en castelán. Eu tenteino unha vez e saíu fatal. Perderiamos fluidez e non seriamos nós. É como cando pensas en inglés, que non che sae natural», explican. Ata que chegaron a estudar a Santiago, o raro na súa contorna era escoitar o castelán. «Chegar aquí foi un choque. Na miña clase da universidade era a única persoa que o falaba», indica Lúa, que lembra que a primeira vez que tivo unha conversación seguida con alguén en castelán foi cando estivo de intercambio na Universidade de Granada.
Gravan o seu día a día falando de moda e de estilo de vida con naturalidade. Gustaríalles que houbera máis influencers expresándose na mesma lingua e, se axudan a normalizar o idioma, elas están contentas. Falar en galego tamén fai que os seus seguidores estén focalizados na zona. Xa hai xente que as para pola rúa, sobre todo na cidade de Santiago. Atrae o seu contido, xa que amosan locales e sitios que se saen do común das guías turísticas. Gústalles ir a comer sushi aos buffets, sentarse en terrazas nas que poñan unha boa tapa coa consumición, os churros, a tortilla dos locais más clásicos, como o Marte e La Tita, e os sitios onde se come barato e abundante. Cando se trata dunha nova apertura, acostuman a grabar a súa experiencia. A pesar disto, non cambian Carnota por nada. «Eu aínda non vin nada máis bonito», indica Lúa, afirmación á que a súa irmá engade o toque final: «Somos unhas namoradas de Carnota».