Pero que leva Felisa Segade na cabeza? «Cando a xente se achega e ve que son ferreñas, flipa»

VIVIR SANTIAGO

A música, voz de Tres Pesos, formación que cativou na Quintana durante o Trad Fest, luciu de novo en Santiago a peza que fai un aceno á pandeireta, á esencia da música tradicional, e que, desde que a estreou en febreiro, non pasa desapercibida. Foi feita a medida por De Cotío
29 jul 2025 . Actualizado a las 14:06 h.Admite rindo que o domingo pola noite, durante o Trad Fest, festival no que cobrou relevancia primeiro coa súa formación, Tres Pesos, e logo, xa no peche, acompañando no escenario a Baiuca, houbo xente que, de novo, se achegou a ela para comprobar o que levaba na cabeza. «Cando ven que son ferreñas dunha pandeireta, flipan… Dende febreiro, acontéceme en cada concerto ou actuación. Moitos, sentados, pensan que pode ser iso, pero como lles parece imposible, achéganse, incrédulos, ao rematar para cerciorarse...», engade Felisa Segade, aludindo á peza que luciu o domingo na praza da Quintana, en Santiago, e que, de novo, non pasou desapercibida.
«Cada vez que saio ao escenario con ela, todo o mundo alucina. Nestes últimos meses houbo xente que ata me preguntou se podía copiala… Para min é case como poñer un casco de guerreira; dáme forza. Sobre todo defíneme, e tamén á nosa música. As ferreñas son unha parte fundamental da pandeireta, da música tradicional. Eu son pandeireteira», subliña con orgullo a tamén cantante e transmisora da música tradicional, eido no que suma case corenta anos de experiencia. Cofundadora primeiro do grupo Leilía, Felisa Segade integra na actualidade, xunto a Xoán Porto e Xosé Antón Ferreira (Pepe de Calo), o grupo Tres Pesos, no que, sen fuxir da esencia, asumen o reto de xogar con outros sons e xéneros, honrando á tradición e á cultura de Galicia. Neste 2025 a formación presentou o seu terceiro álbum, Cantares e Contares, no Teatro Principal de Santiago, nun concerto no que Felisa Segade luciu, por primeira vez ante público, o seu impactante gorro.

«Unha das identidades de Tres Pesos foi levar a cabeza cuberta, buscando facer sempre un aceno ao mundo tradicional, xa sexa cun gorro de época ou unha monteira», sinala, referíndose a pezas do traxe tradicional. «Ao presentar novo disco sempre calibras tamén unha nova estética e eu comecei a pensar de que maneira podía ter ferreñas na cabeza», comparte. «Falei con Rosa Segade, a cabeza pensante de De Cotío [a mesma tenda compostelá pola que, para o día do Apóstolo, apostou a alcaldesa Goretti Sanmartín para poñerlle pantalón ao traxe de galega] e que tamén é a miña irmá, e ela tívoo claro. Para min Rosa é un referente, con moi boas ideas, que entende o que queres e que é capaz de logralo... Xa durante os últimos tempos de Leilía ela era quen se encargaba do vestiario», eloxia Felisa, gabando tamén o resultado do gorro.
«Ela buscou algo que tivese unha presencia escénica potente, a mesma potencia que ten o mundo tradicional galego. Díxome ademais que eu sabía defendelo», comenta divertida.
«Antes do primeiro concerto no Teatro Principal gravamos un vídeo do tema E o que queda de aquí a domingo, incluído nese álbum, no Piornedo. Eu xa levei a peza na cabeza, pero tiven que dicirlle a todo o mundo que non publicase fotos para que a sorpresa fose na estrea. E houbo sorpresa… Todo o mundo quería saber, e viña preguntar, quen o fixo», destaca.
«Despois de Santiago, nestes meses tocamos en moitos máis sitios, e non pasou desapercibido. O outro día, no Trad Fest, e a pesar da dificultade de aprecialo igual ao ser unha praza grande, tamén mo comentaron. A pregunta sempre é a mesma: ''Que leva Felisa na cabeza?'' E eu xa digo: ''Que mellor que levar ferreñas!''», razoa.
Éxito no Trad Fest
O pasado domingo en Santiago, o trío Tres Pesos compúxose sobre o escenario de cinco músicos xa que a Felisa Segade, Xoán Porto e Pepe de Calo sumáronse Estevo Lamas, membro fundador que posteriormente abandonou o grupo, e Merche Rodríguez, compañeira de Segade en Leilía.
Felisa Segade, tras esa actuación, coa que lograron moitos aplausos e fixeron bailar ao público na Quintana, subiuse de novo ao escenario durante o multitudinario peche de Baiuca. Xunto a el cantou Vai tu e interpretou o tema que dá título ao último traballo do artista de Catoira, Barullo.