Seis novos positivos nas probas celebradas o sábado en Lugo

XOSÉ MARÍA PALACIOS, LORENA GARCÍA CALVO LUGO / LA VOZ

SOCIEDAD

Cidadáns de todas as idades acudiron á unidade móbil buscando «tranquilidade»

25 jul 2021 . Actualizado a las 19:38 h.

Seis novos positivos de coronavirus descubríronse nas probas celebradas o sábado en Lugo. A cidade da Muralla foi a cuarta área de Galicia no número de persoas que acudiron voluntariamente ao cribado: participaron 389. A primeira foi Santiago (1.248), aínda que nesa cifra se inclúen tamén os da área de Barbanza; despois aparecen A Coruña (502) e Pontevedra (494). Por detrás de Lugo están Vigo (350), Ourense (287) e Ferrol (181).

Polo que se refire ao número de casos de covid-19 comprobados con esas probas, Lugo sitúase por detrás da Coruña (18), de Vigo (16), de Pontevedra (14) e de Santiago (nove). En Ferrol descubríronse catro novos positivos, e en Ourense, un.

Nas probas do sábado, nalgúns momentos, formáronse colas no fondo da Praza Maior para someterse a unha proba coa que buscaban, ante todo, «tranquilidade».

Unha unidade móbil do Centro de doazón de sangue serviu de consultorio para a realización dos test de antíxenos. A xerencia sanitaria lucense desprazou dous equipos de enfermeiras, así como un administrativo e persoal de seguridade, para organizar un dispositivo perfectamente engraxado. «Es una prueba voluntaria de antígenos para detectar positivos y ayudar a romper la cadena de transmisión. Esperábamos gente, pero estamos sorprendidos de que acudiese ya a primera hora. Demuestra responsabilidad», sinalaba a xefa de Enfermería do HULA, Chus Pérez Taboada, nas primeiras horas do cribado.

Na ringleira, persoas de diferentes idades agardaban a súa quenda para someterse a un test que en apenas 15 minutos xa ofrecía resultados. «Como no estoy vacunada y voy a comer con mi tío y la familia, me la hago por seguridad. Me parece una buena medida, aunque no sé si al coincidir con el Apóstol y dar certificado, esto va a hacer que la gente se relaje más», sinalaba Nerea, unha das mozas que se someteu á proba.

«O que busco é tranquilidade para estar coa familia», explicaba Jorge, outro dos asistentes, mentres agardaba o resultado da súa proba. E da mesma idea eran Liz e Eduardo. «Venimos por seguridad y responsabilidad. Queremos cuidarnos, y los jóvenes somos los que más contacto tenemos con todo el mundo, así que me parece genial que hagan estos cribados», argumentaban. Para José Ramón e José Luis, máis veteranos, as probas debían ser obrigatorias e facerse máis. «Se ti sabes que es positivo, vaste confinar e non vas esparexer por aí o virus», dicían. Ademais da tranquilidade para os usuarios, o test de antíxenos permitía obter un certificado oficial co que poder acceder á hostalería nos casos nos que é requerido.

Outros 168 positivos confirmados na provincia en 24 horas

Na provincia de Lugo hai 1.617 persoas con infección activa de coronavirus. Así o reflicten os últimos datos feitos públicos polo Servizo Galego de Saúde, que contabilizou en 24 horas outros 168 positivos, unha cifra lixeiramente inferior á da xornada previa, na que se sumaron outros 186 casos.

Salvando a onda do pasado xaneiro, no que o número de infeccións activas superou os 2.000, este é o momento con maior número de casos na área sanitaria lucense dende que se iniciou a pandemia. De aí a importancia de respectar as recomendacións sanitarias e extremar as precaucións.

A pesar do elevado número de contaxios, a presión hospitalaria mantense estable, e mesmo hai un ingreso menos que na xornada anterior. Agora mesmo, no HULA son 11 as persoas ingresadas, e unha atópase na unidade de coidados intensivos. No hospital da Mariña hai 5 pacientes con coronavirus, e no de Monforte, un ingresado.

Segundo o Sergas, non se rexistraron novos positivos no centro de discapacidade de Sarria.