«Galicia de 20 a 20» chega este sábado ao seu último capítulo

n. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

A directora Sonia Méndez e a fotógrafa Letizia T Blanco.
A directora Sonia Méndez e a fotógrafa Letizia T Blanco.

TVG despide, ás 19.15 horas, a docuserie que recupera e actualiza a expedición fotográfica de Ruth Matilda Anderson

14 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia de 20 a 20, a serie documental producida por Voz Audiovisual en colaboración coa Hispanic Society of America, chega este sábado á última etapa da súa viaxe. Esta road movie, dirixida por Olaia Tubío e Alejandro Gándara, percorreu todo o territorio galego seguindo a expedición fotográfica que fixo a americana Ruth Matilda Anderson en Galicia nos anos 20 do século pasado.

As guías desta viaxe foron a actriz e directora Sonia Méndez e a fotógrafa Leticia T. Blanco, que actualizaron as instantáneas de Anderson para descubrir o moito que cambiamos nestes cen anos. Coñecimos descendentes das persoas retratadas, xente que mantén vivos os oficios e as tradicións ancestrais que Ruth Matilda retratou ou historias de fotógrafas e fotógrafos de aquí. En definitiva, unha viaxe na que se conectou o pasado de Galicia co presente.

A última etapa, que se poderá ver hoxe ás 19.15 horas na TVG, seguirá a mesma liña que as anteriores, pero cunha sorpresa moi especial: poderase escoitar a voz de Ruth Matilda Anderson e coñecela de primeira man grazas a unha entrevista que lle fixeron en 1977. A maiores o programa visitará Sobrado dos Monxes para falar co prior Carlos Gutiérrez. Ensinaralle a imaxe que tomou Anderson do mosteiro totalmente en ruínas e falará da historia deste lugar con el.

A seguinte parada será en Arzúa para departir con Andrea Birsanu, unha rapaza que botou a andar ASilvatiica, un estudio de ilustración no que reinterpretou unha fotografía de Anderson para darlle visibilidade ás cargas mentais das mulleres do rural galego. A continuación, agardará unha visita moi importante, xa que non podía rematar este percorrido sen coñecer a Abraham Blanco, o avó da fotógrafa do programa, Leticia T. Blanco, e o causante de que ela sexa a terceira xeración co ollo detrás da cámara. A derradeira puntada deste traxecto darase na Coruña, o lugar ao que Anderson chegou na súa segunda expedición por Galicia. Alí farase unha pequena mostra fotográfica para deixar constancia do que foi esta viaxe.

Non hai que esquecer que o legado que a fotógrafa americana lle deixou a Galicia é grazas a Hispanic Society of America. O fundador, Archer Milton Huntington, creou esta institución adicada á cultura do mundo hispánico e foi quen lle encargou dúas expedicións fotográficas a Ruth Matilda por Galicia. A primeira comezou en 1924 e a segunda, en 1926. Delas herdáronse máis de 5.200 instantáneas que manteñen vivo un pasado que, doutro xeito, quedaría esquecido e que Galicia de 20 a 20 recuperou cen anos despois para que chegue aos galegos de hoxe.