«Saudade de ti» regresa por todo o alto cunha preestrea en Santiago

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDAD

A TVG emite de martes a xoves a terceira temporada da serie

26 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Saber se Celia marcha finalmente ou non en pantalla grande é outra experiencia. A que se viviu onte na preestrea en Santiago da terceira temporada de Saudade de ti, a serie producida por Voz Audiovisual que se emitirá na TVG de martes a xoves. O equipo artístico e mais o equipo técnico déronse cita nos cines As Cancelas para celebrar o regreso dunha serie que espertou grande expectación sobre que deparará a relación entre Celia, Santi e Raúl.

Tanto, que María Tasende (Celia), Fran Nogueira (Raúl) e Adrián Castiñeiras (Santi) atrevéronse cun playblack de Dos hombres y un destino, aquel tema de Bustamante e Àlex Casademunt, para celebrar o regreso de Saudade de ti, que pechou a segunda tempada con 116.000 espectadores de media e un 14,4 % de share.

Celia «vai gozar dunha serenidade que non tivo noutras tempadas e toma certas decisións e aposta por determinadas cousas na súa vida, como ir vivir coa súa parella». Explicábao unha María Tasende que xa ve como o personaxe empeza a ter entidade propia logo de interpretalo durante tres tempadas. Agora, Celia deberá enfrontarse á realidade da convivencia coa súa parella, que «non resulta tan idílica como un pensa. A realidade», explica.

«É como se collera vida propia e decide o personaxe e non ti como actriz», explica a protagonista, que despois de convivir durante tantos capítulos con Celia «teslle respecto e cariño, é alguén a quen queres, deféndelo a morte» e ademais «vólveste comprensiva; oxalá foramos así de comprensivos con nós mesmos».

O mesmo lle acontece a Manuel San Martín, que encarna a Gaspar por terceira tempada. «A medida que pasa o tempo sénteste máis cómodo co personaxe» pero boa parte do mérito «é dos guionistas, que fan que o personaxe pase por diferentes fases» e de feito «non nos dan marxe para aburrirnos, son personaxes moi completos».

San Martín está encantado con Gaspar, «que como sempre, recibe e dá» nos 60 capítulos que se emitirán ao longo deste verán. «Ten un corazón duro e comeza pasándoo mal, pero el sabe esperar as súas oportunidades para devolver o golpe».

Pero ademais de personaxes xa ben coñecidos, esta terceira tempada de Saudade de ti tamén traerá novas tramas, como a da construción dun novo porto deportivo na vila que divide á veciñanza e xerará novos conflitos e algún que outro susto, e novos personaxes. Denís Gómez será Pedro, un avogado que chega de Vigo a Abrente e, malia que «aparentemente ten boas intencións», os veciños da vila non saben do seu pasado, das súas débedas pendentes que ten que saldar con moitos personaxes, incluíndo a Celia e mais a Gaspar.

«É un tipo astuto, simpático, afable, pero usa esa simpatía e esa intelixencia no seu propio beneficio. O problema de Pedro é que cre que o fin xustifica os medios, sempre», explica Gómez. «A todos os actores nos gustan os papeis que non indican ás primeiras como é o personaxe», di sobre o seu traballo de interpretación de Pedro. Que agoche algo «dános un espectro de emocións e un cadro co que traballar moito máis amplo».

Interpretar a Pedro é un reto «moi divertido», igual que é un desafío o ritmo que supón unha serie que se emite varias veces á semana —de martes a xoves despois do renovado Atrápame se podes e tamén na plataforma AGalega.gal dende hoxe— e que «a priori sempre asusta», pero ao que o corpo e a mente acaban adaptándose.