O CIAM lanza o único curso gratuíto de ovino e cabrún en 2025: «O sector necesita formación»

Lucía Campos LUGO / LA VOZ

SOMOS AGRO

Ovejas de una expiotación de ganadería ecológica en Cospeito.
Ovejas de una expiotación de ganadería ecológica en Cospeito. ALBERTO LÓPEZ

Do 14 ao 17 de xullo, Monfero acollerá a única formación integral sobre ovino e cabrún prevista para este ano en Galicia

13 jun 2025 . Actualizado a las 10:01 h.

Do 14 ao 17 de xullo terá lugar o único curso de Iniciación e Mellora da Gandería de Ovino e Cabrún en Galicia en 2025, unha formación intensiva e completamente gratuíta, pensada tanto para novos gandeiros como para profesionais que desexen actualizar os seus coñecementos. O curso, que combina modalidade en liña e presencial, abrangue un total de 25 horas.

A iniciativa está organizada polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e conta coa participación de expertos do sector como Joan Alibés (Beealia), Miguel Viña (ADSG ACIVO) e Santiago Crecente (AGACAL-CIAM), quen tamén coordina a actividade. O curso está recoñecido no marco da capacitación profesional regulada polo Decreto 200/2012 do 15 de outubro.

Un sector esquecido pero repleto de oportunidades

A formación chega nun contexto crítico para a gandería ovina e cabrúa en Galicia. Os datos provisionais do censo gandeiro estatal de 2024, recentemente publicados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, confirman unha caída superior ao 50% no número de ovellas e do 40% no de cabras na comunidade galega nos últimos 15 anos. Galicia sitúase así entre as tres comunidades autónomas con peores cifras neste ámbito.

As razas autóctonas tampouco escapan desta tendencia, mantendo apenas uns censos estables pero moi limitados de 3.000 ovellas galegas e 1.000 cabras. Santiago Crecente sinala que «aínda que Galicia é principalmene unha terra de vacas, a nosa terra tamén ofrece un clima adecuado para a explotación de gando ovino». 

Neste escenario, Joan Alibés destaca que «o sector necesita estas actividades de formación» e que «hai persoas que levan esperando moito tempo a que se faga algo así; hai máis de cinco anos que non se imparte ningún curso específico sobre ovino e cabrún en Galicia».

Ademais, o exeñeiro agrónomo apunta que «o ovino é un sector esquecido pero cunha gran oportunidade comercial», especialmente pola demanda crecente de cordeiro, cuxo prezo practicamente se duplicou nos últimos tres anos. «En Galicia non se chega a cubrir esta demanda, polo que se importa de fóra», asegura Alibés. 

Un curso para todos os perfís

O curso está deseñado para acoller tanto a persoas que queiran iniciarse no mundo da gandería como aquelas que xa dispoñen dunha explotación e desexen mellorar ou actualizar os seus coñecementos. Joan Alibés explica que «é para todo o mundo, desde os que queiran solicitar axudas ata os que desexen estruturar un proxecto futuro ou mellorar o seu actual sistema de produción».

Durante o 14 e o 15 de xullo, a formación será en liña, en horario de 9.30 a 14.00 horas, centrada nos contidos máis teóricos. Os días 16 e 17, o curso será presencial no Marco da Curra (Monfero), cun enfoque eminentemente práctico: manexo, diferenciación de razas, reprodución, podoloxía, xestión de pastos, instalacións, comercialización e sistemas produtivos. «Queremos falar sobre cuestións que se dan no día a día nunha gandería como, por exemplo, temas administrativos e axudas ás que se poden optar», apunta Santiago Crecente. 

Pola súa parte, Alibés explica que «non existe unha formación regrada e regular en Galicia sobre ovino e cabrún. Somos das poucas comunidades sen unha escola de pastores». Ambos reivindican a necesidade dun sistema claro e estable para formar novos profesionais.

Novidades destacadas: a raza Texel

Un dos puntos fortes do curso será a presentación por primeira vez en Galicia da raza ovina Texel, unha variedade cárnica de orixe francesa, moi ben adaptada ao clima atlántico e que se cría exclusivamente con pasto. «Temos a nosa ovella galega, pero esta raza tamén é importante. Esperamos que pronto poidan saír exemplares á subasta pública para favorecer a súa expansión», sinala Joan Alibés.

Ademais, o CIAM presentará ademais os resultados máis recentes da investigación aplicada sobre esta raza e sobre o sector ovino en xeral.

Como inscribirse?

As persoas interesadas poden anotarse a través do Formulario de Inscricións Formativas e Informativas da Xunta de Galicia, buscando o curso mediante o código FC2025F115031.

A demanda é alta: «Xa temos persoas inscritas incluso antes de lanzar oficialmente o curso, o que amosa o interese e a necesidade de formación neste ámbito», conclúe Alibés. Así mesmo, o seu coordinador Santiago Crecente anima a todos os interesados a inscribirse o antes posibles xa que o número de prazas é limitado e están practicamente todas cubertas: «Gustaríanos repetilo se temos unha boa acollida e se desperta interese».