Luz verde ambiental da Consellería de Medio Ambiente á planta de agrocompostaxe de Martín Códax
SOMOS AGRO
A iniciativa da adega cambadesa contará cunhas 3.460 metros cadrados de instalacións
12 nov 2025 . Actualizado a las 09:00 h.O informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático conclúe que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto de instalación da planta de compostaxe de restos vexetais agrícolas e biorresiduos que Bodegas Martín Códax S.A.U. pretende levantar na súa parcela de investigación Pé Redondo, na parroquia de San Salvador de Meis.
A Consellería de Medio Ambiente publicou onte no Diario Oficial de Galicia o resultado do seu informe de impacto ambiental, con dous únicos apuntamentos respecto á súa luz verde ambiental. O primeiro, que a ausencia de efectos adversos significativos está supeditada ao cumprimento dos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada como na propia resolución autonómica en materias como a protección da atmosfera, do solo e das augas, a integración paisaxística ou do patrimonio natural e cultural.
Neste punto, o informe de Medio Ambiente emitiuse logo de que o departamento autonómico sometese a documentación presentada polo promotor da planta á participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación, pero si resposta ás consultas trasladadas a dez organismos interesados. Froito desas consultas son os condicionantes referenciados.
A segunda cuestión sinalada pola Consellería de Medio Ambiente diríxese a Bodegas Martín Códax S.A.U. para recordarlle «a obriga de obter as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente esixibles para poder desenvolver o proxecto».
O proxecto da adega cambadesa conta co apoio da Deputación de Pontevedra. Unha asociación que pretende poñer en marcha o primeiro centro de agrocompostaxe da provincia. Non só para aproveitar e reutilizar de maneira natural os restos orgánicos da actividade da cooperativa Martín Códax, senón tamén dos residuos orgánicos dos nove concellos do Salnés que queiran facer uso das futuras instalacións.
Detalles do proxecto
O obxectivo perseguido é a obtención de compost de primeira calidade co que cubrir o 30 por cento das necesidades de abono das 400 hectáreas de cultivos da adega cambadesa e dos seus socios, como parte da súa estratexia de sostibilidade. Empregando o bagazo e os raspóns da uva, baixos en nitróxeno, pero tamén a fracción orgánica dos refugallos domésticos dos concellos do Salnés, na medida na que estes queiran participar da man da Deputación, proporcionando a parte rica en nitróxeno. Os restos das podas completarían a ecuación achegando o material estruturante.
O futuro centro de agrocompostaxe incluirá a construción dunha nave, de dez silos de maduración e dunha bolsa de augas residuais e lixivias sobre unha superficie de 3.460 metros cadrados na parcela de 13,27 hectáreas na parroquia de San Salvador de Meis na que Martín Códax fai as súas investigacións enolóxicas.
