Patrocinado porPatrocinado por

«Co corazonciño sempre posto acá»

C. López

AGRICULTURA

Natural de Castroverde e emigrante en Arxentina, José Benito López pasa estes días coa súa familia e pídelle aos que están no poder que miren polos emigrantes galegos

08 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

«Os que emigramos por necesidade, dámoslle outro aprecio á nosa terra». José Benito López Carballedo, natural de Montecubeiro, en Castroverde, emigrou á Arxentina no ano 1952, pero todos os anos volta á súa terra polo menos nun par de ocasións, porque, como el di «o corazonciño sempre está posto acá». Estes días está coa súa muller, Baselisa Gende Lagares, visitando aos familiares que teñen repartidos polos municipios lugueses de Castroverde e Pol e polo concello coruñés de Ordes. Aproveitaron ademais para devolverlle ao alcalde de Baleira, Francisco Acal Eirós, a visita que este fixo recentemente a Bos Aires.

Aínda que recoñece que aquí non sobraba nada, López Carballedo considera que cando el se foi era unha moda emigrar. «Fómonos os que tiñamos máis inquietude. O nivel de vida aquí non era moi elevado e deixamos o lugar para os que quedaban». En Arxentina traballou «do que había. Os emigrantes preguntabamos se había traballo, non de que, nin canto iamos cobrar». Neses primeiros tempos, el e a súa muller, á que coñeceu alá, pasaron ata quince anos sen voltar á súa terra. As comunicacións tampouco eran doadas e as cartas que escribían e enviaban en barcos demoraban ata dous ou tres meses en chegar. O mesmo pasaba coas conferencias telefónicas, que na maior parte dos casos non se podían establecer polas malas condicións meteorolóxicas.

Unha explotación agrícola e gandeira con máis dun millar de reses e outras tantas hectáreas dedicadas a cultivos como as patacas e o trigo, ademais dunha pequena empresa química, forman parte do patrimonio que este emigrante de Castroverde e a súa dona foron forxando en máis de cincuenta anos de traballo ao outro lado do Atlántico. Así as cousas, José Benito López non dubida en recoñecer que «o noso é un caso especial, pero en Arxentina hai galegos e españois que viven mal, que pasan moitas carencias». E é aquí cando as críticas ás autoridades españolas por parte deste emigrante se fan máis duras: «Só nos últimos anos os gobernos de aquí empezaron a tomar conciencia das necesidades dos galegos emigrados. Antes do goberno de Fraga case non existiamos para eles. Estabamos esquecidos polos gobernos españois. E aínda hoxe os alcaldes da provincia de Lugo teñen esquecida a emigración alá en Bos Aires».

A pesares de que se considera un afortunado, José Benito López Carballedo cre que non todo foi cuestión de sorte, senón máis ben que a soubo buscar. Unicamente nunha etapa el e a súa familia pensaron seriamente en volver. «No ano 2000 Arxentina estivo moi mal. Algúns perdérono todo e outros perdemos bastante. A nosa filla e mailo noso xenro viñéronse para Barcelona e estiveron vivindo alí dous anos. A idea era de virse para aquí e cambiar de raíces, aínda que finalmente non foi así».

A día de hoxe, cumpridos xa os 75 anos e con dous fillos e cinco netos, a este matrimonio de emigrados cada vez lle resulta máis difícil decidirse a volver á súa terra ou montar algún negocio por aquí. «En Barcelona xa temos algo montado dende hai varios anos, con tendas e un párking, e non se descarta a posibilidade de ter algo en Galicia», afirma José Benito López.

Logo de todas estas experiencias vividas como emigrante, López manifesta convencido que «todo aquel que non emigrou debería coñecer o que é, pero non como se emigra agora, senón coma cando o fixemos nós».