Patrocinado porPatrocinado por

«O 70% da venda de licores en Galicia faise clandestinamente»

AGRICULTURA

No ano 1992, José Albela fundou a empresa Aguardientes de Galicia, que destila 70.000 litros por ano; os seus fillos forman xa parte deste proxecto

17 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Poucas cousas hai máis propias de Galicia que unha copiña de licor café ou un café con gotas. A tradición, porén, trocou un pouco e agora o máis habitual é reducir o consumo e buscar produtos de maior calidade. Un deses é a augardente Vedra del Ulla, que sae directamente da destilería que dirixen José Albela, en calidade de presidente, e os seus fillos José Ángel, que fai os labores de xerente, e Daniel, que é quen se encarga de xestionar a planta de embotellado.

Sita en San Pedro de Sarandón, no concello de Vedra, Aguardientes de Galicia S.A. destila cada ano uns 70.000 litros de augardente e outros licores, dende a crema de augardente ata o licor de torta de Santiago, unha das súas últimas apostas. «Eses 70.000 litros son unha cifra bastante importante, parece pouco, pero hai que ter en conta que isto non é viño», explica José, que no ano 1992 fundou a empresa. E é que de cada 100 quilos de bagazo que se destilan nas instalacións de Vedra, só saen tres litros de licor. O cálculo faino de xeito moi rápido José Ángel, que leva dende hai máis dunha década traballando co seu pai. Primeiro, axudando durante as vacacións de verán mentres estudaba para converterse en técnico de explotación agrícola. Unha vez titulado, quedou todo o ano nas instalacións de Vedra. O seu irmán pequeno, Daniel, rematou a Secundaria e comezou a traballar en Aguardientes de Galicia.

Vantaxes en ter un negocio familiar hai moitas, segundo remarca José Albela. A máis importante é a implicación persoal dos membros, «aínda que hai quen di que non se deben mesturar as cousas». Os seus fillos comparten a opinión. «Estar sempre aquí ao final fai que só penses en dedicarte a isto», explica José Ángel. De feito, o de dedicarse a destilar vén de vello. O tío de José xa era un dos alambiqueiros con máis sona do concello.

O negocio, ademais, non vai mal de todo. A crise económica afectou, como a todos os sectores, pero as vendas están aseguradas. O complicado, segundo din, é medrar. E á situación que se está a dar no país hai que sumar a crenza de que o licor da casa é sempre mellor. «Non estamos en contra de destilar para autoconsumo, é algo que ten moita tradición», explica o pai. O malo é que «o 70% das vendas de licores en Galicia faise clandestinamente». O seu fillo tamén apunta que existen incluso negocios fraudulentos, pois os que venden grandes cantidades de licores e augardentes evaden uns impostos que son de 3,75 euros para as augardentes de 45°. A máis gradación, máis se grava.

Aínda así, teñen, como case todos os sectores económicos do país, as esperanzas postas neste ano santo que vén de comezar. «Sempre se vende máis porque a xente é o que adoita levar como recordo», di José Ángel.