Medio Rural considera a formación chave para lograr a remuda xeracional
16 nov 2024 . Actualizado a las 10:45 h.A remuda xeracional é unha das cuestións que máis preocupan no agro galego. Porque, nos próximos anos, está previsto que toda unha xeración de gandeiros e agricultores se retire, e atopar quen se ocupe das súas explotacións é un dos obxectivos da Consellería do Medio Rural, que nos últimos anos ten posto en marcha toda unha batería de medidas destinadas a buscar a mozos, e non tan mozos, que atopen no medio rural unha saída profesional.
«Dende o 2009, cinco mil rapaces se incorporaron ao agro», explicou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, durante un café de redacción celebrado na Voz de Galicia e no que tamén participaron os directores dos Centros de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Guísamo, Camino Nicolás, e de Sergude, Juan Carlos Ferreras; a xefa de Servizo e Infraestruturas Agrarias da Coruña, Belén Mosquera; e o subdirector xeral de Recursos Forestais, Alberte Piñeiro. Só para este ano, «temos 400 solicitudes de mozos para incorporarse ao agro e 171 de novos agricultores maiores de 40 anos», engadiu Gómez. Na súa opinión, nesta busca da remuda xeracional xoga un papel fundamental a formación, «porque os rapaces apostan cada vez máis por ela», afirmou.
«Non podemos esperar ter un sector agrario profesional sen formación», Camino Nicolas, directora de CFEA de Guísamo
Galicia conta actualmente con seis centros onde acadar esa formación agraria. «A nosa oferta formativa é sólida, non podemos esperar ter un sector profesional sen formación», engadiu Nicolás. «Un gandeiro ou un agricultor formado vai ser un gandeiro máis sostible, máis preocupado polo benestar animal», reiterou Ferreras. A oferta formativa dos CFEA é moi completa, «e intentamos estar ao tanto das novidades tecnolóxicas», engadiu. Ofrecen, incluso, a posibilidade de formarse a distancia e supoñen tamén un puntal importante para o sector, con cursos de formación regrada continuos, como os de aplicador de fitosanitarios.
Traballan, ademais, en estreito contacto con outros centros de formación, como as escolas de enxeñaría ou veterinaria do Campus Terra. De feito, hai previsto un convenio para que os estudantes universitarios poidan facer prácticas nos CFEA.
«Un gandeiro formado vai ser máis sostible e preocupado polo benestar animal», Juan Carlos Ferreras, director do CFEA de Sergude
Esa aposta formativa triunfa, e está conseguindo cubrir todas as prazas. «A demanda é importante e temos alumnos doutras comunidades», afirmou Ferreras. «Dende o 2009, en Guísamo incrementamos un 500 % os nosos alumnos, pasando de cerca de 40 a máis de 250», afirmou Nicolás. «Hai demanda e hai que seguir apostando pola formación», rematou a conselleira.
Mobilización de terras: novas ferramentas para acabar co abandono
A segunda pata do programa de Medio Rural para acadar esa remuda xeracional é conseguir que aquelas persoas que queiran incorporarse á actividade agraria non teñan dificultade en atopar terras nas que instalarse e que poder traballar. O minifundio era, ata hai uns anos, o principal problema da comunidade. Agora, hai que sumarlle o abandono, de aí que fóra preciso buscar novas fórmulas que permitan mobilizar esas terras. «É preciso poñer a terra a disposición da xente que a quere traballar», asegurou Belén Mosquera.
«Loitar contra o abandono é fundamental, pero tamén o é a innovación», María José Gómez, conselleira do Medio Rural
«A principal ferramenta de Medio Rural para mobilizar as terras foron sempre as concentracións parcelarias, que se veñen facendo dende hai séculos», explicou Gómez. De feito, actualmente hai 79 abertas en Galicia. Con elas logrouse poñer a disposición das explotacións os terreos que precisaban para medrar. Agora, ademais, coa Lei de recuperación da terra agraria están dispoñibles outras ferramentas para actuar nas zonas onde o problema é o abandono, que é outra das cuestións que preocupa na consellería: volver poñer a traballar as parcelas infrautilizadas.
Está o Banco de Terras, un servizo público no que a Administración fai de mediador entre o que ten terras e o que quere arrendalas. «A novidade este ano é que quen solicite esas parcelas do banco poderá pedir os dereitos da PAC», engadiu Mosquera. A este servizo sumaráselle, en breve, o banco de explotacións, no que se porá en contacto a xente que teña unha explotación e vaia xubilarse con gandeiros e agricultores interesados en incorporarse á actividade. «Ten beneficios para o que deixa a explotación, que vai ter unha axuda, e xa hai xente que está preguntando por este banco», explicou a conselleira.
«É preciso poñer a terra a disposición da xente que a quere traballar», Belén Mosquera, xefa de Servizo e Infraestruturas Agrarias da Coruña
Para poñer remedio a ese abandono das parcelas, Medio Rural conta tamén coas aldeas modelo e os polígonos agroforestais. «Os polígonos serven para reestruturar a terra e que os propietarios poidan traballala ou arrendala e as aldeas modelo permiten recuperar a terra agraria que limita cos núcleos rurais», explicou Mosquera. Actualmente, hai 21 aldeas modelo en marcha, 18 das cales empezarán a producir no primeiro semestre do próximo ano; e outros 34 polígonos, que mobilizarán 9.500 hectáreas. «Son ferramentas moi potentes e hai que darlle máis tempo para que a xente as coñeza, porque ofrecen tantas garantías coma as parcelarias», concluíu Mosquera.
A aposta pola xestión conxunta do monte
Tamén o monte galego precisa de recuperación e ordenación, e nese aspecto está traballando tamén Medio Rural. Por un lado, fomentando a xestión, porque «os galegos somos conscientes de que un monte coidado e produtivo é beneficioso», asegurou a conselleira. Por outro, buscando fórmulas que permitan agrupar eses terreos e acadar un mellor aproveitamento dos mesmos.
«Os galegos son xente á que lle gusta ver o territorio xestionado, non abandonado», Alberte Piñeiro subdirector xeral de Recursos Forestais
Medio Rural ten investido 15 millóns de euros nas axudas para que os propietarios forestais realicen tarefas de silvicultura. Tamén se apostou polas frondosas, cun plan do fomento do castiñeiro. E agora está a fomentar as agrupacións forestais conxuntas, «que dan facilidades á xente que quere xestionar o monte», asegurou Alberte Piñeiro. A partir do próximo ano, haberá dous tipos destas agrupacións: as básicas, nas que os propietarios poden colaborar sen ceder a xestión dos seus montes, e as que teñen base territorial, que implican un maior compromiso dos participantes. «Os galegos son xente á que lle gusta ver o territorio xestionado», engadiu Piñeiro. E para iso serven estas agrupacións, das que neste último ano se deron de alta vinte novas.