De Herbón ou de Padrón? A historia que teñen detrás os pementos máis famosos de Galicia

AGRICULTURA

A tese de doutoramento de Rubén Boga afonda na longa historia que levou ao pemento de Herbón a obter unha Denominación de Orixe Protexida, mentres o pemento de "Padrón" conquistaba o mundo
01 ago 2025 . Actualizado a las 10:56 h.A dous días de que se celebre a festa gastronómica do pemento de Herbón, é bo momento para falar da tese de doutoramento que afonda na longa historia que levou a este produto a obter unha denominación de orixe protexida, mentres o pemento de "Padrón" conquistaba o mundo con ese nome. O autor da tese é Rubén Boga, veciño de Herbón de 27 anos, fillo de pementeira e graduado en Xeografía e Ordenación do Territorio pola USC. Tamén completou un máster en Planificación e Xestión do Desenvolvemento Territorial no mesmo departamento de Xeografía da USC, no que se aroximou por primeira vez de maneira académica, no traballo de fin de mestrado, á historia do pemento e a consecución da súa Denominación de Orixe Protexida (DOP).
Rubén Boga constatou que, nos últimos lustros, o cultivo do pemento de Padrón espallouse ata lugares tan afastados como Queensland (Australia) ou California (Estados Unidos), polo que, asegura, non resulta arriscado afirmar que o nome dun concello galego se fixo global. Sen embargo, engade, ao tempo que o éxito do cultivo favoreceu a súa rápida expansión polo mundo, o vínculo coa súa orixe semella terse esvaecido. Este é, precisamente, o punto de partida da investigación titulada Padrón peppers or peppers from Herbón? Discussing the controversial attainment of a geographical indication in light of food (re) localisation approaches, publicada na revista Sociologia Ruralis, e asinada por Rubén Boga, Valerià Paül e Fiona Haslam-Mckenzie.
A pesquisa forma parte do compendio de artigos que compoñen a tese de doutoramento de Rubén Boga, quen vén de defendela con éxito o pasado 23 de xuño. O traballo baseouse na combinación de testemuñas recollidas mediante a realización de 19 entrevistas con persoas vinculadas ao pemento na parroquia de Herbón, de onde Rubén tamén é veciño, coa análise de máis de 70 notas de prensa recompiladas desde os anos 1980.
«A nivel español, moita xente descoñece que Padrón é un lugar e considera ao pemento como unha simple variedade, sen máis vínculo que a Galicia, no mellor dos casos. En Galicia, pola súa banda, hai xente á que aínda lle chama a atención que exista unha Denominación de Orixe co nome pemento de Herbón -a parroquia na que se orixinou o cultivo- para referirse ao que amplamente se coñece como "pemento de Padrón". A explicación de todo isto a verdade é que non resulta de todo sinxela», apunta o autor deste estudo.
«Segundo as persoas da aldea de máis idade, os pementos orixinalmente vendíanse como "de Padrón" nas prazas de cidades como Santiago, Pontevedra ou Vigo porque Herbón era unha aldea pequena que non coñecía ninguén, mentres que Padrón xa era unha vila coñecida», explica Rubén Boga. Como avanza no artigo, o boom comercial que experimentou este produto a partir da década de 1970 levou a que, xa entón, outras zonas produtoras como O Salnés, Almería ou Marrocos, se fixesen coa semente de Herbón e comezasen a cultivar o pemento lonxe da terra de onde se orixinou.
Os labregos de Herbón, segundo se recolle no artigo, coinciden en que o que máis lles prexudicou non foi que se plantasen pementos nesoutras zonas, senón que se venderan como se fosen de Padrón para aproveitar a súa fama. Consideran que estas prácticas representaban un caso evidente de competencia desleal que buscaba confundir ao consumidor. De feito, a investigación identificou que mesmo se chegaba a imitar os deseños das bolsas dos produtores de Herbón.
De acordo con algunhas das testemuñas, o principal problema radicaba en que os consumidores non tiñan maneira de distinguir os pementos «auténticos» fronte ás imitacións. Foi nese punto cando os produtores de Herbón comezaron a reclamar unha Denominación de Orixe para o seu pemento, como a fórmula que os permitiría protexer o seu produto. «A idea, segundo me contaron, xurdiu a proposta do xefe do servizo de extensión agraria de por aquel entón, Julio Martín», puntualiza Rubén Boga.
Sen embargo, cando se contemplou por vez primeira esta posibilidade «aínda non existía unha lexislación específica que amparase baixo a figura de Denominación de Orixe ás producións hortícolas», sinala o autor. «De feito, grazas as indicacións dalgunhas das persoas que entrevistei, dei cun decreto (Real Decreto 2671/1985, de 18 de decembro) que estendía este réxime aos produtos de horta sinalando, explicitamente, tralo interese dos produtores de Herbón neste senso», engade Rubén Boga.
«O máis sorprendente é que se rexistrase o nome "Padrón" como variedade comercial despois de que os produtores de Herbón tiveran iniciado os trámites legais para acollerse a unha Denominación de Orixe con ese nome», precisa o veciño da parroquia padronesa.
O estudo salienta o feito de que o pemento de "Padrón" fose inscrito en 1985 como unha variedade comercial no rexistro de variedades comerciais de plantas, a nivel español e europeo, sen que os labregos de Herbón tivesen constancia algunha e unha vez amosado o seu interese por protexelo como Denominación de Orixe. «Unha vez rexistrado como variedade comercial sen que constase ningunha alegación, "Padrón" pasou a considerarse xenérico e esa é a razón que esgrimiu o Ministerio de Agricultura para rexeitar o rexistro da Denominación de Orixe Pemento de Padrón», lembra o autor da tese.
Segundo argumenta Rubén Boga no seu estudo, este é un caso moi infrecuente. «Existen só un ou dous casos máis ou menos semellantes no mundo, coma o do queixo Gouda, que tamén se consideraba xenérico e tivo que rexistrarse baixo a fórmula "Gouda Holland" para se poder considerar Denominación de Orixe». Así, fala de que, «segundo indica a maior parte da literatura científica revisada para a investigación, asúmese que as Denominacións de Orixe son quen de protexer o vínculo entre un produto singular e o seu territorio e, de feito, temos casos coma o do Champagne no que grazas ao poder das agrupacións de produtores e do Estado francés, se puido impedir que outros países nomeasen aos seus viños espumosos como tal», expón na tese. «Moitos dos expertos en dereito especializados na materia das Denominacións de Orixe sorpréndense cando lles detallo o caso do pemento; dinme: iso deberíase poder reverter, porque tedes documentos que vos referendan... a cuestión é que iso pasou hai xa 40 anos e os produtores daquela non tiñan os medios nin os coñecementos necesarios para pelexar esa batalla legal», asegura Boga.
As testemuñas recollidas no estudo lembran o momento de enorme desilusión. Sen embargo, non cesaron no seu empeño de conseguir unha Denominación de Orixe da man da Xunta de Galicia. «Temos unha terceira tentativa que se inicia a finais dos anos 1990. Entón, púxose sobre a mesa a posibilidade de rexistrar "Pemento Padrón de Galicia", onde Padrón pasaría a empregarse coma un xenérico e onde a referencia territorial se correspondería a Galicia»”, lembra o autor. Sen embargo, a investigación recolle que esa alternativa encontrou a oposición dos produtores de Herbón, xa que o proxecto propuña estender a Denominación de Orixe a outras zonas produtoras de pemento coma O Salnés ou O Rosal. Os argumentos dos labregos de Herbón apuntaban en dúas direccións: nun sentido territorial, argumentaban que a calidade do pemento cultivado na súa área era superior e que así o percibían os consumidores; nun sentido económico, consideraban que se atopaban nunha situación de desvantaxe competitiva cos produtores de Cambados pola estrutura produtiva da súa zona. Tal e como resume unha das citas provistas polo autor:
“Iso sería unha forma de matarnos, pero de pleno, porque eles eran os que tiñan máis produción, porque tiñan máis hortas para producir, e aquí eramos máis pequenos e non podíamos nunca competir en cantidade con esa xente [...]. Herbón xa desaparecía do mapa, despois de ser a orixe do pemento”.
Ante a negativa dos agricultores de Herbón, finalmente aprobouse en 2009 unha Denominación limitada aos concellos de Padrón, Dodro, Rois, Pontecesures e Valga, co nome de Pemento de Herbón. Segundo afirmaron as persoas involucradas neste momento, a opción de empregar "Pemento de Herbón" para a Denominación de Orixe sorteaba a imposibilidade de empregar o nome de Padrón, ao tempo que supuña un retorno á verdadeira orixe do produto. «Existían algunhas teimas en canto a que Herbón non era un nome coñecido alén do concello, pero tamén contaban coa posibilidade de distinguirse dos pementos "tipo Padrón" xenéricos», lembra Boga.
Así, para o autor da tese, o caso do pemento reflicte unha das paradoxas da globalización: o nome dun concello galego chegou a recunchos tan afastados como os Estados Unidos ou Australia, mais nese camiño o vínculo co lugar foise esvaecendo, ata o punto de que a maioría dos consumidores —mesmo en España— hoxe descoñecen que Padrón se trata dun lugar. Abonda con lembrar que en moitos mercados se venden como padronés ou del padrón. Por outra banda, sen esa apropiación comercial, dificilmente o nome tería acadado tal proxección global. Como apunta o autor do estudo, a xeito de reflexión final: «quen sabe como sería hoxe a produción se aquel vínculo co territorio se tivese protexido antes».