Elisa Collarte, colleiteira: «Fun das primeiras mulleres en ter unha bodega ao seu nome»

Uxía Carrera Fernández
UXÍA CARRERA RIBADAVIA / LA VOZ

AGRICULTURA

Elisa Collarte nunha das súas viñas en Santo André de Campo Redondo
Elisa Collarte nunha das súas viñas en Santo André de Campo Redondo ALEJANDRO CAMBA

A viticultora deu de alta os viñedos familiares en 1989 e xubilouse hai un ano, deixando o legado a un dos seus fillos

03 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

É unha muller de poucas palabras pero o seu legado fala por ela. Elisa Collarte herdou o oficio familiar da viticultura e converteuno nunha profesión, sendo unha das primeiras colleiteiras cunha bodega ao seu nome en 1989. Os seus viños seguen representando a autenticidade do Ribeiro, pero xa en mans do seu fillo. «Tivemos moita sorte de ter relevo xeracional, á maioría non lle pasa», celebra. A viticultora xa está retirada dos viñedos, deixando atrás o esforzo físico de décadas: «Foi moitísimo traballo, pero estamos acostumamos, nacemos neste mundo».

Os viñedos son a paisaxe que coñecen todos os nenos do Ribeiro dende que crecen. E tamén a forma de vida. Elisa é filla única dunha familia que usaba o viño para consumo da casa e vendía a particulares. «Daquelas viña xente de toda Galicia a buscar barricas de Ribeiro e levábano por litros», lembra. Foi o único oficio que coñeceu aínda que de pequena non lle chamaba a atención. Estudou na escola de nenas de Santo André pero despois os seus pais trasladárona a Ourense para seguir a súa formación en Josefinas. Moitas familias esperaban que os seus fillos tiveran éxito fóra da aldea, pero Elisa atopouno na súa casa.

Conta que ata os 30 anos se «librou» de axudar intensamente na viña, pero ao final decidiu seguir a herdanza e facerse viticultora. «Fun eu quen deu o paso de dar de alta a bodega de xeito profesional para comercializar o viño en 1989», conta. Xa estaba co seu marido, ao que lle atribúe gran parte do mérito de que o negocio saíse adiante, pero era o seu proxecto familiar: «Se pasaba algo a responsable era eu». Poucas mulleres se vían entonces á fronte dunha adega. Foi das primeiras colleiteiras e a primeira muller en participar ca súa propia produción na Feira do Viño do Ribeiro. «Tampouco tiven nunca ningún problema por iso», aclara. O que si implicaba era ter que facerse cargo das viñas e tamén da casa, xunto aos seus dous fillos. «É unha loitadora», apunta o seu marido. De feito, houbo unha temporada que a familia se trasladou a Vigo, onde emprenderon cunha inmobiliaria, para que os seus fillos puidesen estudar. «Vivíamos alí e viñamos todos os fines de semana para coida da viña», explica a viticultora. O desenlace foi un paradoxo. Ao final o seus fillos volveron para Ribadavia e un deles é o relevo xeracional da súa bodega. «Estamos contentos porque están cerca», confesa.

A explotación vinícola de Elisa comezou repartida en viñas moi pequenas que non puideron medrar e sacarlle máis partido ata que chegou a parcelaria. «Tiñamos moitas pero de moi pouco tamaño, eran difíciles de traballar», lembra. Co cambio de propiedade da terra foron aumentando os viñedos ata unhas seis hectáreas, todas na súa aldea natal. Tamén cambiou o contido. Conta que hai trinta anos as variedades do Ribeiro eran xerez e alicante, mentres que agora como tinto traballa con mencía, caíño e sousón e en branco, con treixadura, godello, loureira ou albariño. Pero o que a fixo resistir estas décadas foron os cambios nos métodos de traballo. Pasou de sulfatar con mochila a facer todo practicamente co tractor e incluír maquinaria para reducir o esforzo físico. O que, sen dúbida, para ela era a peor parte, sobre todo baixo o sol do verán. E o que máis lle gusta?: «Vendimar e ver o resultado de todo o ano».

A viticultora sempre se mantivo como colleiteira, de maneira que traballou facendo o seu propio viño cas uvas autóctonas. Ten un tinto e un branco. Asegura que o viño do Ribeiro estaba máis valorado cando ela comezou a producir, o que se nota nos prezos que establece o mercado. Esa dificultade influíu en que cada vez aumente máis a superficie de viñedos abandonados, unha paisaxe totalmente diferente a cando se meteu profesionalmente neste sector. «Vexo un futuro complicado», confesa.

Recoñecida co premio Vida entre Vides da D. O. Ribeiro

A pesar da dedicación coa que Elisa viviu a súa profesión, non esconde que xa tiña ganas de deixar de traballar. Xubilouse hai un ano, pasando o negocio a un dos seus fillos. Aínda que inevitablemente bota unha man —a súa bodega está baixo a súa casa—, xa pode descansar. Pasa o día entretida facendo cousas na casa e vendo a televisión. O que podía ser unha retirada tranquila converteuse nunha etapa co mellor dos sabores porque foi recoñecida co premio Vida entre Vidas da D. O. Ribeiro. Os galardóns anuais do consello regulador quixeron recoñecer a súa paixón polo campo e o traballo dunha das bodegas máis antigas da denominación.

Para a viticultora foi unha gran alegría que pensaran nela para este premio. «Fíxome moita ilusión porque é un recoñecemento ao esforzo de toda unha vida, foi un día moi bonito», admite. Sobre todo para unha muller esquiva da publicidade e a promoción, e máis ben amiga do traballo diario constante e a vocación polo oficio.