O Sindicato Labrego Galego reclama á Consellería do Medio Rural actuacións inmediatas ante a falta de resposta e os riscos para o sector 

Somos Agro REDACCIÓN / LA VOZ

AGRICULTURA

ALBERTO LÓPEZ

O sindicato agrario demanda a convocatoria urxente do Consello Agrario Galego e medidas fronte á Dermatose Nodular Contaxiosa 

15 oct 2025 . Actualizado a las 11:14 h.

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG) lanzou unha campaña para esixir á Consellería do Medio Rural (CMR) actuacións inmediatas ante o incumprimento da convocatoria do Consello Agrario Galego e a falta de medidas fronte á ameaza da Dermatose Nodular Contaxiosa, unha enfermidade que afecta ao gando bovino.

Baixo os lemas «Convocatoria do Consello Agrario Galego XA!», «Medidas eficaces contra a epidemia», «Onde está o grupo de traballo alerta tempera?», «U-la Conselleira?» e «Conselleira Antidemocrática, non atende nin escoita as labregas», o sindicato denuncia que a Xunta non cumpriu a promesa realizada o pasado 29 de xullo de convocar o Consello durante o mes de setembro.

«Os días van pasando e seguimos sen ter novas por parte da Consellería do Medio Rural do Consello Agrario que xa nos prometera a propia conselleira e tamén o fixo de xeito público, a finais do pasado mes de xullo», afirmou Brais Álvarez, apicultor e membro da Executiva Nacional do SLG.

Álvarez e Xosé María García, tamén membro da Executiva Nacional e labrego, participaron na reunión convocada pola consellería o 29 de xullo en Santiago de Compostela para abordar os impactos da futura Política Agraria Común (PAC) 2028-2034. O SLG solicitara o 21 de xullo, por escrito, a convocatoria urxente do Pleno do Consello Agrario Galego para tratar a proposta da nova PAC e crear unha comisión de traballo con representación galega nas negociacións europeas, tras o anuncio da Xunta de Galicia o 18 de xullo de reunir a todos os axentes do sector primario.

Segundo Álvarez, «naquel momento a intención da convocatoria deste Consello Agrario era tratar a realidade da nova PAC e ver como enfocabamos dende Galiza a negociación desta nova PAC. Pero xa non só é que non a convocara para tratar este tema, senón que dende aquel momento a realidade do sector foi mudando e agora mesmo temos unha situación altamente preocupante ás portas de entrar nas nosas granxas -esperemos que non- como pode ser a chegada a Galiza da dermatose nodular contaxiosa».

O SLG está a celebrar asembleas informativas por diferentes puntos de Galiza para informar o sector sobre esta enfermidade, cualificada como moi grave e de categoría A, detectada recentemente en Catalunya. A súa aparición obriga ao sacrificio inmediato de todos os animais da granxa afectada.

«Parécenos un tema altamente preocupante e unha situación de moita indefensión para as granxas», advertiu Álvarez, quen criticou que a conselleira non contactase coas organizacións agrarias máis representativas para abordar a situación. «É unha ameaza real altamente preocupante, como a propia conselleira recoñece co envío desta fin de semana dunha carta ás gandeiras e gandeiros galegos, onde se fala de que a detección desta enfermidade nalgunha granxa suporá, por motivos obvios, o sacrificio inmediato de todos os animais da granxa e a destrución dos produtos presentes que puideran estar contaminados».

O sindicato reclama que prime a prevención e demanda a convocatoria inmediata do Consello Agrario Galego para tratar tanto a nova PAC como a situación sanitaria. «A Consellería segue sen escoitar ao sector, escoita a quen el considera», denunciou Álvarez, quen concluíu: «Teremos que estudar outras vías e ver como podemos facer para que a voz das labregas e dos labregos do país se escoite».