María Ferreiro, nova Secretaria Xeral do SLG, nun Congreso marcado polos cambios e pola renovación da estrutura
AGRICULTURA
Créase unha nova secretaría Xeral de Acción Acción Sindical co apicultor de A Pontenova, Brais Álvarez, ao fronte
29 nov 2025 . Actualizado a las 21:20 h.O Sindicato Labrego Galego Comisións Labregas celebrou en Lalín o seu XI Congreso, unha xornada que reuniu arredor de 400 persoas e que puxo o foco na renovación interna e na defensa dunha Galiza labrega con futuro. O momento máis destacado foi o relevo na secretaría xeral. Isabel Vilalba, deixou o cargo tras trece anos á fronte da organización, e pasou o testemuño a María Ferreiro Santos, gandeira de Curtis e até agora responsábel da Secretaría das Mulleres.
Ferreiro asumiu o cargo nun contexto de preocupación polo futuro das granxas, coa necesidade de garantir relevo xeracional e de esixir políticas públicas que poñan a vida no centro. No seu primeiro discurso, alertou de que por cada dez persoas que abandonan a actividade agraria só se incorporan tres e pediu medidas reais en materia de comercialización, terra, vivenda e protección fronte a macroproxectos como a celulosa de Altri ou a presión eólica. Lembrou tamén a importancia da lei da cadea e denunciou que continúa a incumprirse, o que forza as explotacións a vender a perdas. Reivindicou un sector forte, organizado desde o local e o comarcal, e definiu o SLG como unha organización imprescindíbel para defender o país, reforzando a súa aposta pola Vía Campesina e por alianzas con entidades afíns.
Outro cambio relevante foi a creación da Secretaría da Acción Sindical, concibida para reforzar o traballo político e organizativo da Secretaría Xeral. O cargo recae en Brais Álvarez López, apicultor de A Pontenova e até o de agora responsábel da Secretaría da Mocidade. Álvarez subliñou que a nova área nace para impulsar mobilización social e estrutura de base, e que a organización comarcal debe ser o motor do cambio. Recoñeceu a responsabilidade que implica asumir o posto e apelou á necesidade de tecer redes e equipas que defendan un futuro digno para as granxas. No seu discurso da mañá advertiu de que as políticas para favorecer o relevo nas explotacións levan décadas fracasando e que a falta de acceso á terra, de prezos xustos e de apoio real continúa a expulsar mocidade do rural.
O Congreso serviu tamén para repasar o traballo político e sindical dos últimos catro anos, cunha análise da situación nos diferentes sectores produtivos e coa aprobación do relatorio que guiará á organización no próximo período. Foi unha xornada emotiva, marcada pola celebración dos 50 anos do SLG e pola vontade de fortalecer unha estrutura máis ampla e participativa. A nova Dirección Nacional quedou presentada e iniciou o camiño cunha folla de ruta clara: defender o territorio, garantir continuidade nas explotacións e manter viva unha Galiza labrega que produce alimentos e sostén o rural. Como dixo Ferreiro no peche, cómpre que a voz das labregas e dos labregos se escoite en todos os espazos. Organizarse, mobilizarse e manter esperanza será a clave dos vindeiros anos.
