
Ao longo do programa haberá actividades formativas, concursos e degustacións
02 feb 2024 . Actualizado a las 13:38 h.O Mes Gandeiro volve en febreiro ao Valadouro para a posta en valor da gandería e a promoción das razas autóctonas. O formato mensual, que xurdiu o ano pasado para dar un novo pulo á feira gandeira que se viña organizando en anos anteriores, celebrarase os tres vindeiros sábados -os días 3, 10 e 17 de febreiro-, centrando cada xornada nunha das áreas.
O deputado de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación, Daniel García, e o tenente alcalde e concelleiro de Medio Rural do Valadouro, Eduardo Chao, presentaron este mércores o programa no recinto que acollerá as feiras cada sábado.
As actividades comezarán esta fin de semana coa V Feira de Razas Autóctonas da Mariña a partir das 10 horas no aparcadoiro municipal de Ferreira, ao carón da piscina. Esta cita contará cun concurso morfolóxico de cabalo de Pura Raza Galego coas seccións de sementais, eguas e poldros (nados no 2024, 2023 e 2022). Xa pola tarde, ás 16.30 horas, celebrarase a primeira proba do III Campionato Galego do Cabalo Marchador Galego en dúas categorías.
Durante toda a fin de semana ademais nos distintos locais de restauración do Valadouro poderase degustar carne de poldro de cabalo de Pura Raza Galega 100% Raza Autóctona.
O sábado día 10 celebrarase unha formación entorno ao Real Decreto 1053/2022 de Ordenación das Granxas Bovinas na que, entre outros aspectos, se asesorará ás gandeiras e gandeiros sobre a nova lei de de proteción dos dereitos e o benestar dos animais, coa que deberán ter un veterinario de referencia na explotación.
Para rematar, o 17 de febreiro terá lugar a II Feira de Gando no aparcadoiro municipal, mentras que no Camiño da Granda terá lugar o III Concurso de Andadura Galega da man de Puraga. Ambas actividades arrancarán pola mañá. Ao tempo, durante a fin de semana, Asoporcel promove a degustación gratuíta de carne de porco celta nos locais hostaleiros.
García destacou «a importancia de levar focalizar estas actividades ao longo dun mes, que permite potenciar o sector primario e, especialmente, a actividade gandeira, poñendo en valor a tradición desta área da provincia na cría de cabalos e gando vacún. Dende a área de Medio Rural sabemos a necesidade de desenvolver programas que permitan a promoción da gandería extensiva e das razas autóctonas para dinamizar o rural tanto social como economicamente, ao tempo que axudamos na conservación do territorio», sinalou.
Chao explicou que o formato do Mes Gandeiro, que O Valadouro puxo en marcha o ano pasado, repítese xa que «isto permite desenvolver as actividades e dedicarlles o tempo que cada unha delas require. Ademais,permite dar importancia a citas como a V Feira Gandeira, que xa é un referente na comarca e en toda a provincia e permite visibilizar un sector que produce alimentos de grande calidade», argumentou.