Silleda afronta a súa terceira lonxa co plante dos principais compradores da recría

GANADERÍA

Presidencia anima aos gandeiros a participar na poxa do martes mentras estuda todas as demandas dos críticos
18 may 2025 . Actualizado a las 18:56 h.Dende que o pasado martes se reuniron co vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, os compradores da recría da Central Agropecuaria de Galicia agardaban unha chamada da Xunta que axudase a desbloquear o conflito que manteñen coa dirección da lonxa. Iso sucedeu onte ás sete da tarde cando Calvo chamou aos afectados para animalos a participar na poxa do martes porque estaban estudando tódalas demandas presentadas había uns días.
Horas antes a dirección da central publicou un anuncio de que, tras o parón da feira con motivo da Semana Verde o próximo 3 de xuño, o día 10 do mesmo mes se celebrará unha poxa so de recría. «Levamos toda a mañá tentando aclarar que non houbo unha solución, a poxa celebrarase, pero os compradores non imos ir», asegurou pouco despois do comunicado José Manuel García Pazos, portavoz do colectivo. De ahí a posterior chamada da Xunta aos críticos.
Pero todo parece indicar que a central de Silleda volverá celebrar a poxa da recría sen que nela participen os principais compradores. «Chamounos a Xunta para dicirnos que están estudado as nosas demandas, pero nós non imos volver ata que haxa unha solución real», engade. Eles seguen a manter o seu parón como sinal de protesta despois de que a dirección da central decidise que as poxas a través dunha nova aplicación eran o único sistema que se podía usar. Os compradores consideran que ese modelo non so deixará fóra do proceso a algúns dos máis veteranos, senón que a central non dispón de instalacións axeitadas para facer a poxa desa maneira, pois agrupan ata a sete becerros por gaiola. E así llo fixeron saber a Calvo.
Onte, a central publicou un anuncio sobre como a Semana Verde vai afectar ás poxas. «Daba a entender que xa había un acordo, porque di que o día 10 se celebrará unha poxa so de recría», explica García Pazos. Isto motivou «un aluvión de chamadas de transportistas e gandeiros para confirmar que todo estaba arranxado. Non é certo, os compradores non imos a ir». Presidencia, pola súa banda, fixo onte un chamamento á calma e asegurou que está a estudar todas as propostas feitas polos compradores. Mentres non hai acordo, Calvo animou a gandeiros e compradores a asistir a poxa do martes.
Os compradores recoñecen que os principais prexudicados pola polémica son os transportistas e gandeiros e que por iso debería intervir a consellería de Medio Rural. Explican que os donos dos animais están preocupados porque levan xa dúas semanas sen vender e se na que entra non se arranxa o problema, «soamente quedarán dúas semanas antes de Semana Verde, cando non haberá poxa», engade.
Sobre esta polémica pronunciouse tamén o responsable de Unións Agrarias, Roberto García, que considera «falsa» esta discusión e pediu que «entre todos opere el sentido común», informa Europa Press. «Toda inversión en ferramentas que dean transparencia ás relacións comerciais» lle parece «positiva».