As vacas de Xanceda celebran o Días das Letras Galegas facendo de público da Pandeiretada no Prado 

Somos Agro REDACCIÓN

GANADERÍA

cedida

Bailadoras e pandereteiras da Escola de Música Tradicional de Mesía interpretan a Muiñeira de Mesía  nos prados da Casa Grande

17 may 2025 . Actualizado a las 11:46 h.

A granxa ecolóxica galega Casa Grande de Xanceda, en colaboración co Concello de Mesía, celebra o Día das Letras Galegas 2025 cunha orixinal iniciativa: a Pandeiretada no Prado, unha homenaxe á tradición oral e á música galega no corazón do rural. Nesta ocasión, as pandeireteiras e bailadoras da Escola de Música Tradicional de Mesía interpretan a Muiñeira de Mesía nun escenario moi especial: un palco feito con pacas de palla, rodeadas de vacas como público de excepción, nun entorno 100% labrego. Esta peza foi recollida polo fillo predilecto do municipio, Baldomero Iglesias, Mero, quen dedicou a súa vida a preservar a tradición oral galega.

O proxecto contou coa colaboración do artesán José Manuel Salvado, Sanín, quen elaborou unhas pandeiretas exclusivas, cun parche de estampado de vaca, madeira negra e ferreñas bicolores, integrando tradición e modernidade.

Recoñecer o legado das mulleres rurais

Desde Casa Grande de Xanceda destacan que esta acción pretende dar visibilidade ao papel das mulleres na transmisión da poesía oral, subliñando que «a tradición das cantareiras chegou hoxe ata grupos de mozas adolescentes que cantan con orgullo desde o rural». Ademais, lembran que «isto non sería posible sen esas mulleres rurais irreductibles que conservaron e transmitiron un mundo e unha cultura».

Así mesmo, remarcan que «a boa saúde que hoxe goza a música galega con grupos como Mondra, Tanxugueiras ou Fillas de Cassandra non sería posible sen esas avoas e bisavoas que nos legaron as súas coplas».

O alcalde de Mesía, Mariano Iglesias, puxo en valor a importancia das escolas municipais de disciplinas tradicionais, especialmente «neste momento de auxe da nosa música e do noso baile», e amosou o seu orgullo de que «un municipio rural coma Mesía poida desenvolver este tipo de accións coa xente nova e comprometida».

Unha muiñeira con historia

A Muiñeira de Mesía comeza coa copla: «A parroquia de Xanceda / de lonxe parece vila / ten un caravel na entrada / e unha rosa na saída». Esta peza forma parte do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego, na colección de Baldomero Iglesias, que atesoura 13.404 coplas recollidas no entorno de Mesía.