Feiraco celebra o Día de Galicia cunha campaña que enche os supermercados de orgullo galego
GANADERÍA

A iniciativa conta coa colaboración do estudo Son un Toxo
24 jul 2025 . Actualizado a las 09:46 h.Con motivo do Día de Galicia, Feiraco lanza unha nova identidade gráfica baixo o lema ‘EU ? GALICIA’, unha proposta visual que rende homenaxe ao orgullo e amor pola terra que comparten os galegos e galegas. A iniciativa conta coa colaboración do estudo creativo Son un Toxo e está inspirada na recoñecida campaña turística “I ?? NY”, adaptándoa á realidade galega coa mensaxe en galego e un corazón verde como símbolo de pertenza e respecto polo territorio. A ilustración xa é visible nos lineais lácteos de distintos supermercados de Galicia, facendo que a mensaxe entre directamente nos fogares galegos da man dun dos produtos máis representativos da comunidade: o leite Feiraco.
Pero a campaña vai máis aló do deseño. Feiraco activou varias accións promocionais e participativas. Unha delas será nas redes sociais, onde están a sortearse cuncas e bolsas de tea coa ilustración conmemorativa. Despois tamén os consumidores que compren unha caixa de leite Feiraco poden participar nun sorteo especial subindo o tícket de compra e cubrindo un formulario na web feiraco.es.
Como colofón, o xoves 24 de xullo, ás 16:00 horas, terá lugar unha acción especial no Carrefour de As Cancelas (Santiago de Compostela), onde se instalará un mural xigante co lema da campaña. As persoas que se acheguen poderán deixar unha mensaxe de amor a Galicia nun post-it e recibirán como agasallo unha cunca ou unha bolsa de tea.
Con esta iniciativa, Feiraco reforza o seu compromiso co territorio e coa identidade galega, nunha acción que busca emocionar, conectar e compartir o sentimento de pertenza que une a toda Galicia.