A Xunta acusa ao Ministerio de bloquear medidas de control do lobo e anuncia recurso xudicial
GANADERÍA

Patrimonio Natural denuncia a desconvocatoria da Conferencia Sectorial e alerta da disparidade de criterios xudiciais entre comunidades
25 jul 2025 . Actualizado a las 10:40 h.A Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático comunicou ás principais asociacións agrarias, de caza, así como a BOAGA e Raza Galega, a súa preocupación ante os últimos acontecementos relacionados coa situación do lobo en Galicia. Segundo o comunicado remitido, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico desconvocou de forma repentina a reunión do Pleno da Conferencia Sectorial prevista para o 22 de xullo, na que se ían tratar os informes sexenais de seguimento das especies silvestres, entre elas o lobo. O Ministerio argumentou que a decisión se debe á presentación dun recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de desperdicio alimentario, malia que «o recorrente non solicitou sequera ao Tribunal Constitucional a adopción de ningunha medida cautelar».
Para a Xunta, esta decisión responde á intención do Ministerio de manter «un estado de conservación desfavorable para esta especie», con fins ideolóxicos e sen base científica. Lembran que as comunidades autónomas, incluída Galicia, elaboraron un informe baseado en datos obxectivos que conclúe que «o estado de conservación do lobo para as rexións bioxeográficas Atlántica e Mediterránea españolas debe ditaminarse sen ningunha dúbida como favorable».
En cambio, o informe enviado polo Ministerio o 26 de xuño considera a situación do lobo como desfavorable, alegando entre outros motivos que non se alcanzan as 500 manadas en todo o territorio español ou que o hábitat dispoñible non permite a conexión con lobos de fóra de Europa, criterios que a Xunta considera sen base técnica. O comunicado tamén recolle que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia está suspendendo accións de control como esperas, monterías ou batidas, incluso cando estas están xustificadas polo Plan de xestión do lobo de 2009. Estes autos contrastan co criterio do Tribunal Superior de Xustiza de Cantabria, que non está a paralizar medidas similares.
Ante esta situación, a Xunta recorrerá os autos ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia «aos efectos de garantir que se poidan levar a cabo as actuacións de control que resulten necesarias, nun contexto de coexistencia».
Ademais, Galicia, xunto con outras 12 comunidades autónomas e as dúas cidades autónomas de Ceuta e Melilla, esixiu ao Ministerio a convocatoria urxente dunha Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, advertindo tamén de que sería ilegal remitir os informes sexenais á Comisión Europea sen a súa aprobación previa neste órgano.