O gandeiro de Rois que foi o primeiro en criar raza limiá na provincia de A Coruña: «En case vinte anos, nunca matei unha pucha, todas foron para criar»

GANADERÍA

Jesús Pardal ten a súa granxa na aldea de Moares e precisaría máis terreo para ampliar o número de animais
28 jul 2025 . Actualizado a las 18:18 h.Hai case 20 anos que Jesús Pardal Castro, veciño de 46 anos natural da aldea de Moares, na parroquia de Ermedelo do concello de Rois, fixo o que cualifica como «unha aposta un pouco arriscada, pero moi convencido de que tiña futuro» e, de feito, así foi e agora é o seu medio de vida. No ano 2006 mercou en Quiroga (Lugo) as súas primeiras catro vacas de raza limiá, polas que tivo que agardar un ano, converténdose así no primeiro criador desta raza na Galicia costa (provincias da Coruña e Pontevedra).
A día de hoxe, na provincia coruñesa hai máis explotacións, fundadas coas puchas (ou xatas) nacidas na granxa de Jesús Pardal. «Nestes case vinte anos nunca matei unha xata, todas foron para criar», conta o veciño de Moares, que é de familia gandeira de vacún de leite, reconvertida posteriormente a carne, antes da xubilación dos titulares.
Na actualidade, a súa granxa ten uns 40 animais, 25 deles nais criadoras e o resto puchos, ademais do macho. «Estou moi contento con estes animais. Empecei con eles cando tiña un traballo pero, a día de hoxe, estou dedicado en exclusiva ao seu coidado e podo dicir que me dá para vivir, teño tempo libre e non estou escravizado como pode estar algún coas vacas de leite», conta o gandeiro.
Iso débese, engade, a que a raza limiá, unha das cinco autóctonas de Galicia que está en perigo de extinción, é moi boa de ter. «Esixe moi pouca dedicación e por iso me decidín por esta raza porque, cando empecei, eu tiña un traballo; o bo que ten a limiá é que se amaña ela para todo, tendo comida e auga».
Nunha zona como Moares, na que conta que hai moito pasto, pareceulle que esta raza era a que «mellor se podía adaptar» e di que acertou, pese a que máis da metade das fincas nas que pacen os animais son cedidas ou alugadas e son, en moitos casos, as que descartan os gandeiros de vacún de leite por ser malos terreos para acceder con maquinaria.
«Non podo competir con eles niso, polo que a min me quedan as leiras que teñen peores accesos, como camiños estreitos, as que están á beira do río ou en ladeiras». Non se queixa e ten claro que «se non fose polas miñas vacas todo iso estaría abandonado, incluídos os camiños que tamén limpan ao pasar. Son como desbrozadoras e aproveitan mellor o terreo onde outras razas son máis finas», sinala.
Da raza limiá, Jesús Pardal tamén destaca a súa actitude maternal. «É para sorprenderse», di. Tamén se defende mellor do lobo que outras, engade, ou dun can descoñecido. «Nunca tiven unha baixa polo ataque do lobo porque se defenden moi ben del, a menos que sexa unha manada, e iso que estamos nunha zona na que hai unha gran presenza deste animal porque estamos de paso de Negreira ao Barbanza».
Jesús Pardal ten o seu gando en ecolóxico dende 2022 e pertence á Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga).
Comezou no ano 2006 con catro animais e agora a granxa é o seu medio de vida
O gandeiro conta que a limiá transforma mellor en quilos o que come que outras razas e, se cando empezou case non había coñecemento das autóctonas, di que agora a súa carne está «súper valorada», o que lle permite vivir da explotación, que el estaría disposto a ampliar se tivese terreo para elo xa que, na actualidade, está no máximo de animais que pode ter en función das terras que posúe.
Do seu bo facer cos animais falan os numerosos premios que leva acadados na Feira da Semana Verde de Silleda, a máis importante do sector de toda Galicia, á que acudiu xa no ano 2006, cando so había tres vacas autóctonas mentres que agora hai un pavillón dedicado a elas. Case todos os anos que participou obtivo premio, facendo pleno no 2023 con tres. O veciño de Moares asegura que non se arrepinte daquela aposta arriscada do ano 2006 e está contento de iniciar un «camiño profesional un pouco diferente, que me dá para vivir» e que lle permite coidar en ecolóxico dunha raza protexida e dun territorio que mantén limpo e vivo e que encaixa cunha Galicia que ten futuro.