O desgraciado incendio sufrido por unha conserveira esta fin de semana debe facernos reflexionar sobre moitas cuestións, con total independencia das consecuencias que acarrea para os empresarios, para os traballadores e para o concello.
Grazas á súa situación, ao pé do mar e afastado dos núcleos habitados, os danos colaterais para os seus veciños son moito menores que se estivera próxima ás casas. É unha das razóns polas que os pavillóns industriais deben estar en polígonos específicos illados, tamén por moitas outras que non explicarei neste relato. Aínda temos fresca na memoria a desgraza de Paramos (Tui) na que o estoupido dunha pirotecnia levou consigo as casas veciñas, e aínda hoxe sofren a indiferenza da administración e do empresario, aínda hoxe moitos están sen indemnizar. Aínda que cobrar por unha desgraza como esa non quita o medo nin o susto do incidente.
Cada ano prodúcense varios incendios en pavillóns industriais galegos, o que non quita que haxa lumes tamén en outros inmobles, pero o risco é maior pola complexidade tecnolóxica. Deben estar en recintos industriais, e así o indican as normas urbanísticas galegas.
Con todo, os parques empresariais deberían ter densidades máis baixas das actuais, cunha maior separación entre os inmobles e con vías de maior dimensión, con instalacións contra incendios revisadas e impecables. Deberían facer tamén simulacros periódicos para evitar que as desgrazas nos pillen despistados.
Jealsa retomará a súa actividade e os veciños máis próximos recuperarán o sono tralo pesadelo. Aprendamos para non ter que laiarmos.