Xurxo Souto chega este xoves á A Illa na procura dos cantares da conserva: «A ver as mulleres da Arousa, onde están!»

SOMOS MAR

A súa actuación inscríbise no vinte aniversario da súa traxectoria como escritor
25 may 2022 . Actualizado a las 23:16 h.«A ver as mulleres a Arousa, onde están!». Con este berro invita Xurxo Souto ás mulleres da Illa a acompañalo este xoves ás oito da tarde na antiga casa de Goday, onde vai ofrecer unha actuación difícil de clasificar. Souto está de ruta por Galicia conmemorando os seus vinte anos como escritor, celebrando os seus libros, por suposto, pero, sobre todo, a rede de amizades que teceu a conta da súa actividade como escritor.
O Mes das Letras organizado polo Concello arousán reservoulle unha tarde para que o coruñés faga o que mellor se lle dá, improvisar, e iso fará. Precisará a colaboración do público porque Xurxo Souto, aparte de gozar e facer gozar ás xente, aproveita estes encontros para realizar un traballo de investigación etnográfica que non ten prezo sobre os cantares que se escoitaban nas fábricas de conservas. A última perla doulla Vicenta Gándara o pasado xoves no Berbés, cunha desas pezas que describen o traballo e as inquedanzas das traballadoras da fábricas. Souto xa fixera antes súas outras cantigas recollidas no Grove, en Cangas, en Moaña e Bueu e non quere marchar da Illa de baleiro. Así pois, xente da Arousa, fagan memoria e a cantar.