Patrocinado porPatrocinado por

Ana Miranda: «O comisario debería dimitir por prevaricación»

Somos Mar REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

DELMI ÁLVAREZ | EUROPAPRESS

A eurodeputada do BNG considera que o Goberno incurriría en «deixamento de funcións» se non recorre o veto a toda de pesca de fondo

24 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ocupou o escano no Parlamento Europeo o 5 de setembro. No pleno do día 15 presentouse a Virginijus Sinkevicius. Era pola mañá. Pola tarde recibiu o regaliño de benvida: o anuncio das 87 áreas de veda no Atlántico nororiental, todo un «mazazo» para a pesca galega.

—Menuda estrea no Parlamento Europeo...

—Si. Non sei o que pasa, pero cada vez que chego hai conflito. Foi desembarcar e dar de fronte con esta ameaza... Ameaza, non, realidade.

—¿Pódese reverter o que xa é una realidade?

—Esta decisión da Comisión é absolutamente arbitraria, ademais ten un defecto de forma moi grande como é non contar con estudio de impacto socioeconómico. De feito, hoxe [por onte] xa anunciei que me dirixín á Valedora do Pobo Europeo para tratar de invalidar un acto da Comisión por mal uso administrativo, precisamente pola falta de esa análise de impacto. Porque ademais a Valedora si que pode cuestionar á Comisión. Isto, en paralelo ao recurso que poda presentar o Estado e demais accións. Tamén pedimos unha entrevista ao comisario, que aínda non nos concederon, e pedímoslle ao presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo que meta a cuestión das vedas na orde do día da reunión do 29. É un mazazo, unha decisión totalmente arbitraria pero que se viña cociñando.

—Non foi, por tanto, unha sorpresa

—É unha sorpresa que fose tan rápido. Que sexa tan drástica tamén é sorpresivo, pero está claro que a Comisión leva moito tempo con ganas de cargarse ao sector pesqueiro. Non ten ningún tipo de escrúpulos coa flota galega, está claro. Para min que o comisario debería dimitir, sinceramente, por prevaricación, por mal uso do proceso administrativo, porque unha decisión deste tipo ten que levar aparellado un estudo da repercusión, unha análise de impacto socioeconómico como calquera medida da Comisión, aínda que sexa por acto delegado.

—¿Terá xustificación o Goberno se non presenta recurso ante o Tribunal de Xustiza da UE?

—Sería deixamento de funcións, porque ademais compételle ao Goberno do Estado presentar o recurso. A Xunta pode (e debe) ir acompañando e se non presentalo igual, aínda que ten menos posibilidades de prosperar. Se non pon recursos o Estado para defender a pesca galega, entón... Dame a impresión de que tanto Irlanda como Francia van presentar demanda... Imos quedar atrás de novo? Luns hai Consello de Ministros de Pesca e a ver que deciden. O comisario lexisla desde un despacho sen ter en conta os intereses da flota galega, pero o ministerio ten que ter un pouco máis de sensación de que vivimos da pesca.

—¿Estanse escoitando en Bruxelas os berros do sector?

—Si lle está chegando. Todos los días teñen informe de prensa co que pasa en cuestións de pesca, varios eurodeputados lle pedimos entrevista, o sector xa se dirixiu a el a través da patronal comunitaria... Se non escoitan é porque non queren. Cando estivo a directora xeral de Asuntos Marítimos (DG Mare) en Galicia amosou unha completa ignorancia da pesca galega. Voullo dicir en canto á vexa. Non teño nada que perder.

—¿Hai tempo para reconducir o acto de execución?

—Por presión política que non sexa. Eu volverei a insistir na entrevista co comisario, imos reunirnos co sector e estar ao seu lado en todas as mobilizacións, pero é o Estado o que ten a competencia de parar isto, de moverse e de usar todos os mecanismos legais para lograr unha suspensión ou unha retirada da normativa e para corrixir con unha ponderación, porque isto incumpre todas as regras de proporcionalidade. Claro que estamos a favor de tomar medidas medioambientais, pero proporcionadas.