Patrocinado porPatrocinado por

Antonio Basanta: «Temos que sentarnos co sector a facer un auténtico plan da mexilla»

E. Abuín REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

xoán crespo

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica suliña que se tomaron 15 medidas para poder obter a semente que se precisa

05 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Os bateeiros rodearon con coches, lanchas e remolques San Caetano o xoves pasado para amosar o seu malestar por non dar enchido as bateas de cría e asegurarse a colleita do ano que ven. Un día antes, o director xeral falaba das liñas abertas para conseguir mexilla e amarrar a campaña e respostaba que hai que «garantir a explotación sustentable dos dous recursos», mexillón e percebe, á pregunta de si foi oportuna a creación dos santuarios na costa.

—Que está a pasar coa mexilla?

—Sempre dicimos que a menor presenza de mexilla pode ser un síntoma dunha enfermidade que pode afectar de forma grave a este sector, xa non solo a curto prazo, senón a medio e longo prazo. Por iso temos que habilitar as medidas a curto, medio e longo prazo para que a falta de semente non sexa un obstáculo para o desenvolvemento do sector miticultor. Estamos poñendo medidas sobre a mesa, flexibilizando as fórmulas de captación ou de obtención de cría que non sexa só en banco natural, porque entendemos que aínda que non sexa a solución ao cen por cen do problema si pode resolver campaña. A solución pasa por unha organización do propio sector e por unha flexibilización da normativa e niso estamos traballando.

—Por que se chegou a esta situación? Por que se deixou de facer reconto larvario? Por que non se tomaron medidas antes?

—A verdade é que hai unha serie de condicións oceanográficas que poden influír. Estamos tamén traballando nunha análise que se pode constatar que é que a maior saída de mexillón pequeno. Nesta década con respecto á anterior estamos falando dun aumento do 50 % na produción de bivalvo pequeno sobre o grande e iso pode derivar nunha menor presenza de larvas e de desove e, sobre todo, de unha maior esixencia de demanda de mexillón. Levamos xa anos traballando na obtención de mexilla en hatchery, pero tamén na flexibilización da captación en bateas. Iso esixe unha posta en común co sector e nesa liña se está a traballar desde hai varios meses e incluso dende hai anos. En canto a reconto larvario, hai que preguntar por que se perdeu a patente daquel método para a detección de larvas de mexillón no medio natural e esa é unha pregunta que non lle corresponde a este director nin a este Goberno responder. Agora o que toca é seguir avanzando e conseguir cría, porque se o modelo produtivo cambia, temos que cambiar o modelo de obtención da semente.

—Pero o cambio no modelo de produción non é de agora. O mercado está fóra, que aquí se sigue preferindo os mexillóns do tamaño dunha orella. Estivo pouco áxil a Xunta?

—Ese modelo de produción depende da opción de cada titular da concesión de unha batea. Podemos analizalo, pero debemos ser conscientes todos, sector e Administración, de que ese modelo ten que implicar un cambio. Desde logo, nós puxemos 15 medidas para abordalo e hai unha parte do sector que está a poñer medidas enriba da mesa para tratar de conxugar os intereses produtivos cos da obtención da mexilla, pero tamén é certo que hai outra parte que non nos fan chegar propostas e nin sequera son receptivos coas propostas que facemos e así ás veces é difícil traballar. Quédome con todas esas propostas que se fixeron dende o sector, que se están analizando, que se están elevando adiante para mellorar o día a día e resolver este problema.

—Van ter razón os que din que, para a consellería, todos os problemas son por culpa do clima ou do bipartito. De verdade que este problema é polo que pasou hai 14 anos?

—A perda da patente do método detección é unha omisión clara da Xunta, que xa foi exposta no Parlamento e á sociedade...

—Pero van alá 14 anos e o problema dase no presente...

—Xa estamos desenvolvendo proxectos coa universidade nese senso, afinando o método para que sexa economicamente viable e ademais podamos facer o reconto por varios métodos para contrastalo e que sexa perfectamente aplicable ao medio. Agora ben, o que non se nos pode acusar a nós é de erros que non cometemos.

—Non se trata de acusar, senón de ir avanzando e poder ter produción de mexillón este ano...

—Bueno, por unha parte do sector si se nos está a acusando. Temos tres proxectos para afinar o método, estamos traballando poñendo solucións enriba da mesa e a pregunta é si son válidas ou non. Dende logo, por unha opinión maioritaria do sector, e por unha opinión convencida da propia Administración, entendo que son medidas positivas para o propio sector e iso tamén o temos que valorar.

—Por que a mexilla non foi tratada como outro stock, analizado a súa evolución e tomando medidas?

—Si vamos a mirar ao pasado, é certo que hai estudios feitos en moitos casos pola Administración, pero creo que deberíamos seguir afianzando. É fundamental traballar no futuro con datos, que temos que consultar entre a Administración e o sector para poder facer un auténtico plan da mexilla. Non pode ser que perdamos mexilla antes do inicio da campaña porque por haches ou por bes esa tempada non se axusta ao ciclo biolóxico ou que estraguemos por así decilo mexilla que aínda non alcanzou un tamaño máis adecuado para a fixación nas cordas e sacando da pedra anticipadamente. Creo que o sector é consciente de que esa ten que ser unha liña de futuro e niso estamos traballando dende hai meses, seguindo as pedras e sentando as bases dese traballo que ten que funcionar. Entre esas 15 medidas está un proxecto encomendado ao Cetmar que consiste no seguimento de todas esas zonas e extracción e, sobre todo, do rastrexo posterior das existencias de mexilla para ir determinando as bases dun plan de xestión que nos permita asegurar a disposición nas pedras e unha mellor xestión, máis eficaz e máis eficiente.

—Chegarase a non depender das rochas?

—De pitoniso non me atrevo a facer, pero teño claro, e a propia consellería tamén, porque así nolo sinalan tanto o sector como os científicos, que das tres posibles vías que temos actualmente para conseguir mexilla —é dicir, as rochas, as colectoras e a de criadoiro— ningunha delas vai dar para atender o cen por cen das necesidades. Pero a combinación das tres si pode facer que sobrepasemos incluso a disposición da mexilla que fai falta para non ter que estar pendentes de que as condicións oceanográficos ou climatolóxicas frustren unha campaña. Esa debe ser a liña: sumar polas tres vías un volume superior á necesidade para non ter que depender só da natureza.

—A de hatcherie é xa unha saída ou está en experimento todavía?

—Temos dúas experiencias desenvolvidas, con Anfaco e co propio Cima (Centro de Investigacións Mariñas), que son positivas. Fixemos probas coa mexilla e constatamos que o rendemento desa cría é moi positivo e así nolo certifica tamén o propio sector que nos devolve información deses datos. Neste momento o que estamos intentando é aquilatar os custes e desenvolver e dimensionar a tecnoloxía para que sexa asumible económica e tecnicamente. Nesa liña poderíamos ter bos resultados non para o cen por cen da produción, pero si para ter parte e non depender sempre das rochas ou das condicións nas que poidan captar as cordas colectoras.

—O mexillón é o principal produto da acuicultura galega, que xa perdeu varias especies. Haino que protexer?

—Non deixamos nunca de facelo. Se recompilamos as medidas que se puxeron en marcha para o sector mitilicultor dende o 2009 temos a posta a cero no contador das concesións, a definición das axudas do FEMP, que en máis do 80 % van dirixidas ao sector e incluso se arbitraron outras no ámbito fiscal e tributario. Sempre estivemos traballando en favor do sector e así o acreditan moitas liñas de traballo. En canto a outras producións, pode que algunhas tiveron unhas experiencias non todo o positivo que deberían ser; ás veces polas propias condicións que ten a nosa costa para certas especies, pero tamén é certo tamén que se desenvolveron outras, como o linguado, e a produción de rodaballo fíxose máis eficiente e incluso temos novas experiencias que no futuro poden ter rendemento

—Por exemplo?

—O salmón.

—Pero si xa se intentou ese cultivo! E non fai falla que se recorde o que pasou cando se puxeron gaiolas nas rías...

—En circunstancias de cultivo en mar aberto poden ter unhas condicións e nunha estructura pechada e en recirculación outras. Dende logo, aí o que hai é deixar traballar porque as expeciencias son iso, experiencias e ás veces tamén temos que ter en conta que unhas dan uns rendementos máis positivos e outros menos. Tamén temos que ter en conta, e non é algo contra o que nin a Xunta nin o propio sector pode loitar, as condicións do noso mar e da tecnoloxía. A evolución pode ser positiva e creo que é niso no que temos que traballar. En dispor da tecnoloxía axeitada para facer unha produción rendible e sobre todo sustentable.

—Porque volver con outra lei de acuicultura nin se lles pasará pola cabeza, non?

—Sempre dixemos que se o propio sector é quen o demanda, nós estariamos dispostos a facer o que o que nos pida, pero ten que ser o propio sector quen a demande. A partir de aí, darlle a importancia que pode ter unha lei, terá que ser unha cousa de cogobernanza como se está a facer noutros sectores.

—Os plans de ordenación do espazo mariño reservan zonas para a acuicultura offshore. Fai falta?

—A tecnoloxía, sobre todo para a costa galega, é complexa. E hai interese por cultivar certas especies, pero non en mar aberto, co que estamos falando de algo que non está enriba da mesa, polo menos non como a eólica mariña.