Patrocinado porPatrocinado por

O imposto ás emisións de CO2 da pesca: varrer para debaixo da alfombra?

Gonzalo Rodríguez Rodríguez COORDINADOR DO GRUPO DE INVESTIGACIÓN EN ECONOMÍA PESQUEIRA DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA.

SOMOS MAR

Jorge Zapata | EFE

18 may 2025 . Actualizado a las 19:23 h.

O borrador do Pacto Europeo polos Océanos deixa aberta a porta ao establecemento dun imposto sobre as emisións de CO2 da pesca. E dicir, un imposto que recaería tamén sobre a flota pesqueira. Entender os obxectivos, mecánica e contexto do imposto resulta chave para avaliar si vai a ser un instrumento útil e eficaz ou non. Trataremos de ser claros e concisos para explicalo.

Os chamados impostos verdes, como é o caso, son medidas cuxo obxectivo é xerar incentivos para reducir unha actividade que se considera nociva, neste caso debera ser a emisión de CO2. Digo debera porque no argumentario a favor da aplicación deste tipo de medidas á pesca adoita aparecer un fío un tanto confuso e impreciso de argumentos que mesturan a sobrepesca, a contribución ao cambio climático, os subsidios (reais ou non) e a actividade pesqueira de países como China ou Rusia. Así que compre ser ordenados, sistemáticos e ir por partes.

Europa lidera a nivel mundial as políticas de sostenibilidade e de loita contra o cambio climático. Isto maniféstase nun enfoque amplo e transversal que inclúe a implementación de múltiples regulamentos e mecanismos. Así no caso da pesca ten adoptado un modelo de xestión baseado no consello científico, totais admisibles de capturas (TAC) e cotas e estritos mecanismos de vixilancia e control, resultando nos niveis de presión pesqueira máis baixos de todo o planeta. E dicir, xa existen políticas en curso para corrixir a sobrepesca. Así mesmo ten adoptado medidas imprescindibles para a aplicación de impostos as emisións de CO2, como é a creación de un mercado de dereitos de emisións. En xeral, representa unha rexión caracterizada por unha estrita política ambiental. Sen dúbida, todo é mellorable pero, como imos ver, non abonda coas boas intencións para logralo.

China y Rusia, por esta orde, son efectivamente os dous maiores países emisores de CO2 procedentes da pesca, tamén os de maior volume de capturas en alta mar, xunto con algunha outra flota asiática. Caracterízanse por unha débil implementación da xestión científica da pesca, por maiores niveis de presión pesqueira, por políticas ambientais inconsistentes e, no caso de Rusia, non so por non ter creado mercados de CO2, senón por estar incrementando as súas emisións. Non so iso, os dous contan con flotas na sombra que escoran bastante máis cara depredación e a pesca ilegal que cara a sostenibilidade.

Os impostos sobre as emisións de carbono poden funcionar para reducir as emisións, pero non en calquera circunstancia. No contexto actual si as políticas non inclúen unha prohibición estrita de entrada aos mercados europeos de produtos equivalentes ou substitutivos que carezan dunha fiscalidade idéntica, así como un veto ao pescado procedente da pesca ilegal, non so non estaremos resolvendo o problema, estaremos empeorándoo e creando outros.

Por unha banda se estaría reforzando a competitividade dos produtos pesqueiros procedentes das flotas con maiores emisións e máis laxas políticas de xestión pesqueira e ambiental. Ao mesmo tempo se lastraría a situación económica e social das flotas máis cumpridoras, como son as europeas.

Subliño un matiz: os impostos equivalentes deben aplicarse non so a produtos idénticos, senón a produtos substitutivos, sexan outras especies, produtos pesqueiros transformados ou outros produtos alimentarios. A este respecto cabe sinalar que a UE ate o de agora tense caracterizado por un notable desleixo e paternalismo na esixencia do cumprimento de estándares ambientais, sociais e fiscais aos produtos que entran ao mercado común procedentes de terceiros países. O que esixe internamente non llelo esixe aos de fóra. Se isto non cambia radicalmente, dificilmente se van a lograr os resultados esperados e se desperdiciará o potencial derivado do grande mercado interno de produtos da pesca. Téñase en conta que Europa importa máis do 71% do pescado que consume, así que o seu impacto na sostenibilidade global, esixindo a igualación das regras do xogo, non sería precisamente menor.

Polo contrario, unha fiscalidade sobre as emisións aplicada so á pesca europea simplemente leva a mover as externalidades de sitio, trasladándoas a outras zonas de pesca e socavando a nosa flota e as nosas comunidades pesqueiras pero non contribuíndo a corrixir nin o cambio climático, nin a sobrepesca. Máis aínda, tampouco resolvería o problema si o resultado fora simplemente a redución da produción pesqueira (europea), porque entón, para satisfacer a necesidade mundial de alimentos, teríase que incrementar a deforestación de selvas tropicais para producir máis cereais para alimentación humana directa ou para pensos.

Non nos cabe ningunha dúbida de que é necesario preservar a saúde dos océanos e frear o cambio climático, pero non abonda con querer facer o ben, hai que facelo ben.