Se non fose porque o asunto ten una importancia case vital para o sector pesqueiro de Galicia, as queixas que se verten nas declaracións da conselleira do Mar que aparecen nas páxinas de La Voz de Galicia do pasado 19, demostran, con todos os meus respectos, unha falta de coñecementos do que son as relacións coa Comisión Europea.
O título da entrevista coa conselleira fainos lembrar os versos de Manuel Antonio no poema SOS, tan cheos de soidade, cando desgarrado di: «Fomos ficando sós, o mar o barco e máis nós». Pois si. O lamento da conselleira: «Xa nos gustaría negociar nós para defendernos coa determinación que lle faltou a Planas» é a descrición da impotencia propia de quen descubre dúas cousas básicas: a primeira, é a de que Galicia non pinta nada, nin nunca reclamou nada para pintar algo en Bruxelas, polo medo dos Gobernos do PP a que se lle escapen as competencias estatais, como se as autonomías non fosen parte do Estado. E a segunda, pola inxenuidade de crer que as negociacións se fan nunhas xornadas que comezan e rematan nun acordo plenario. E nada máis lonxe da realidade.
Os que dalgunha maneira tivemos ocasión de negociar algo con Bruxelas, non podemos deixar de sentir pena ao escoitar que os presuntos negociadores da Xunta de Galicia, coñeceron o que alí se cociñaba, cando (textual) «o ministro Planas se achegou ao hotel onde nós estabamos agardando». Pero, é que ninguén lle explicou á conselleira que un lobi é algo máis ca un vestíbulo dun hotel? Para agardar no hotel a que chegara o ministro, tal como a conselleira no lo explica, mellor e máis económico sería deixarse estar en Santiago. As negociacións hai que traballalas para que cheguen cociñadas ao plenario, e iso non se fai cunha estancia de tres días en Bruxelas. Son semanas, senón meses, o que se necesita para convencer aos estamentos negociadores, e deixar maduras as decisións para que as ultimen os ministros de pesca dos Vintesete tal que corresponde.
Ese traballo, conselleira, coñécese como lobi; que ven sendo, nin máis nin menos que un lexítimo grupo de presión. E, para arroupar iso, é para o que están os 61 eurodeputados españois, dos que, a maioría, conforman o hexemónico PPE (Partido Popular Europeo).
Por elo, conselleira, non é de recibo dicir que «nas negociacións en si non puidemos meter baza». Pois claro que non. O traballo de convencer e premer aos actores que elevan o caso o plenario ?incluído o ministro Planas - hai que levalo feito. E da toda a impresión de que o Goberno galego non ten claro para que serve un grupo de presión.
José Vicente Domínguez é capitán de pesca e da mariña mercante.