«Antiga dorna polbeira de Castiñeiras» pretende desmontar moitos tópicos cos que se relacionou sempre á pesca
24 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Nunha auténtica montaña rusa de emocións. Niso foi no que se converteu o acto de presentación do primeiro libro de Juan Pérez Martínez, máis coñecido como Juan O Cociñeiro na súa terra de Castiñeiras. Entre a crítica, os sorrisos e as bágoas en recordo de vellos compañeiros que o mar ou a vida levaron por diante, o autor de Antiga dorna polbeira de Castiñeiras desvelou o contido dunha obra que pretende dignificar e ser unha homenaxe aos mariñeiros.
Comezou Juan Pérez a presentación cun prólogo, ou como el di, cun aperitivo, no que fixo unha reflexión que quizais para moitos pasou desapercibida ata o de agora: «Son un mariñeiro, e escribín un libro sobre o mar, ¡cousa extraordinaria! Antes viñan os do monte ou os de interior falar do mar, e así escribían o que escribían».
Foi moi crítico o autor cos literatos que levan editado textos sobre un mundo que el coñece ben porque, na súa opinión, «a xente que escribe do mar non vai ás raíces do mar». Por iso, censurou con dureza unha obra que no seu día foi pioneira pero que «xa na primeira folla, contén unha chea de erros». Trátase de As dornas de Porto do Son , que Xaquín Lorenzo, Xocas , escribiu polo 1937, aínda que o que máis indigna a este mariñeiro xubilado é que o libro estea vixente hoxe en día: «Hai moitos erros no que escribiu Xocas, e o peor é que se seguen repetindo as mesmas falsidades».
Tópicos
Precisamente, un dos obxectivos cos que naceu Antiga dorna polbeira de Castiñeiras é acabar coas mentiras ou cos tópicos que rodean ao mundo mariñeiro, e que non son poucos. Puxo como exemplo, con varias anécdotas, a fama de bebedores dos homes do mar e lamentouse de que, «desgraciadamente, os tópicos créanse e chega un momento que parece que é verdade todo o que se di. Por iso, este libro é unha homenaxe aos mariñeiros e á nosa cultura».
Con un «hai que presumir do que somos», Juan Pérez puxo o punto e final á introdución e comezou a desgranar o contido dun libro froito da experiencia, tanto do propio autor, coma doutros moitos homes do mar. Nun amplo resumo falou das artes pesca, dos carpinteiros de ribeira, dos repesos onde se pesaba e secaba o polbo, dos nomes das distintas especias de peixes e incluso de pesos e medidas. E aínda así, escusouse porque «faltou moito por poñer, pero fálase de que é e que non é a dorna».
Solidariedade
Por se foran poucos os motivos para comprar un dos volumes de Antiga dorna polbeira, Juan Pérez animou aos asistentes á presentación a adquirir o seu libro porque dous euros do seu prezo irán destinados a colaborar coa entidade de axuda a drogodependentes Proyecto Hombre.
Nisto tamén fixo fincapé a concelleira de Educación, Juana Ermitas Crujeiras, que foi ademais a encargada de presentar o primeiro libro dun vello amigo ao que definiu coma «un artista, un mariñeiro, un crítico». Foi ela tamén a encarga de poñer o punto e final ao acto: «Non existe a dorna en ningún sitio máis que na ría de Arousa, por iso sempre debemos tela no noso recordo, en pequenas maquetas ou en grandes libros coma este».