«Para quedar no campo hai que ter formación»

Gladys Vázquez REDACCIÓN / LA VOZ

TERRA

Alberto López

O leite que producen está presente nas hamburguesas máis coñecidas do mundo

27 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A súa imaxe vinculada á dun xigante chegou aos recunchos máis insospeitados. Granxa Grixeira segue a sentir a repercusión de que se coñecese que a súa materia prima está presente nas hamburguesas de McDonald’s en España. Esta familia, que dirixe unha explotación de 260 vacas en Cospeito, sérvelle o leite a Entrepinares. Zeltia González, a xerente da explotación xunto ao seu marido José García, acolle esta expectación con cariño, pero sen perder de vista o importante: o seu traballo diario para obter o mellor leite dos seus animais. «A verdade é que non esperabamos que ía a haber tanto balbordo, pero estamos ben. Isto recoñece o noso traballo diario. Non sacamos beneficio do feito en si, pero é certo que é importante ver recoñecido o noso labor e o de todos os gandeiros desta zona».

—A súa explotación vén ademais dunha herdanza familiar, non si?

—O meu marido e mais eu comezamos en xuño do 2018. Arrancamos o noso proxecto e fixemos unha sociedade. Esta era unha granxa que xa estaba en marcha. O meu sogro era o titular. Decidimos seguir nós porque para el chegou o momento de xubilarse. Cando fixo os anos, apartouse de todo. A verdade é que xa estábamos traballando aquí coma empregados. Foi entón cando empezamos a pensar que cambios íamos facer na nova etapa.

—Foi unha decisión moi meditada coller esta herdanza?

—Dá moito medo. Ata o 2018 foron moitos anos nos que os meus sogros estiveron loitando e facendo xa investimentos importantes e cambios. Dá medo incorporarte e investir como así fixemos. Son moitos cartos e temes que todo poida ir ao traste.

—Como cambiou a explotación coa vosa xerencia?

—Cambiou en modernizar e robotizar moito a granxa. En poñela cómoda para nós e para os traballadores. Antes muxiamos nunha sala antiga, que non estaba informatizada, que cambiamos por robots xa con informática e con datos que se pasan automaticamente. Tamén incorporamos unha sulfatadora con GPS, que permite non solapar terras e non sobrecargalas de produto. Imos intentando mellorar na parte tecnolóxica. Traballar no campo non significa non ter innovación.

—Sempre din os gandeiros que cada vez é máis difícil apostar por un proxecto no medio rural. Cre o mesmo?

—Penso que si, que fomos valentes. Non está fácil incorporarse a nada, pero no campo está moi complicado. Nesta zona desapareceron moitas explotacións e seguen desaparecendo porque hai moitas trabas.

—Por qué é tan complicado?

—Máis que nada toda a normativa que está a saír agora e que, se queres seguir, tes que investir moitos cartos. É complicado arriscarse.

—Como dirían que é a súa granxa? Que distingue a súa explotación?

—Intentamos ter unha visión empresarial sen perder o familiar. Por exemplo, os nosos empregados son unha parte máis da familia.

—Tamén na forma de facer?

—Sen dúbida. Mantemos maneiras dos meus sogros. É importante para o produto. É moi importante. Por iso está aí Entrepinares que nos esixe moitas certificacións e cumprir con moitos parámetros, pero ao fin e ao cabo tes un produto de calidade e iso é esencial iso.

—Tanto no seu caso coma no do seu marido, a súa formación ía dirixida ao sector primario. Vostede é enxeñeira agrícola e José ten un ciclo de explotacións agrarias.

—Cando decides estudar algo, tiras para onde de che gusta. A min é un mundo que me encanta. Cando estudei non tiña decidido se quedarme aquí, pero tiven esta oportunidade. Como non aprovéitala! No caso do meu marido, el xa era da casa, xa lle axudaba aos seus pais así que os estudos xa foron dirixidos a isto.

—Pero entendo que é un engadido para o futuro da explotación.

—A formación é imprescindible para todo. Antes non era así. Ser gandeiro era o último recurso. Como dicir, como non vales para outra cousa, queda no agro. Hoxe xa non é así. Para quedar no campo tes que ter formación. Igual que para traballar na industria ou en calquera outro ámbito. Eu levo a parte da gandaría e o meu home a da agricultura.

—Iso implica que controlan todo o proceso de produción do leite? Dende o alimento ata o produto final?

—Si, controlamos todo. Penso que é importante. Facer a recría aquí ou que vexas a evolución dos animais. O mesmo que no campo: saber que recolliches a forraxe nas condicións óptimas e que dentro duns meses vas ter un bo ensilado non ten nada que ver con non ter esa información e non saber como vai ser dentro duns meses.

—Vostedes sempre apuntan que para Granxa Grixeira é fundamental o benestar dos animais.

—Para nós é o primordial, tanto para o día a día, coma para o resultado económico. Se os animais están ben coidados e os tes nas mellores condicións, ao final do mes vas obter máis beneficios, van enfermar menos e vas ter máis leite.

—E como se consegue que estean nas mellores condicións?

—Traballando pola súa comodidade, que non lles falte de nada, que teñan todo ao seu alcance. Todo o que teñen que ter.

—Teñen dúas fillas, hai canteira?

—Si que lles gusta. Á maior dende logo gústanlle moito os animais. Xa se verá.