
Patricia González é a experta que asesora co vestiario da Reconquista. Agora versiona deseños tradicionais para poñer no día a día. As súas novas creacións teñen triunfado nos Goya e en Fitur
29 ene 2023 . Actualizado a las 14:27 h.Tanto restaura hábitos antigos do convento de Santa María de Oia como viste a artistas e políticos, ademais de ter cosido para tódalas agrupacións importantes de música tradicional galega. Patricia González (Vigo, 1971) é coñecida en Vigo por asesorar coa vestimenta histórica da festa da Reconquista, pero esta deseñadora, que se autodefine como costureira, está a dar puntadas máis aló do traxe tradicional. Foi nunha viaxe á Patagonia, buscando as orixes do pai emigrado a Arxentina e logo retornado, onde pensou que era o momento de mudar os patróns no seu taller de costura, na parroquia viguesa de Saiáns. «Hai tempo que me vén ao taller xente que non se viste de tradicional, pero que quere que eu lle faga roupa. Parei un mes por esta viaxe e foi aí cando pensei que podía facer esta liña de prendas. Fágoo para que non se perda o noso».
A chaqueta que lle fixo a Carmela Silva para Fitur, inspirada nun cadro do artista Álvarez de Sotomayor, vén de triunfar en Madrid. «Díxome que quería levar unha chaqueta paras zocas de Elena Ferro e propúxenlle facer esta peza que sae no cadro e á que lle tiña moitas ganas. Hai que ver como as mulleres de antes, ca de cousas que tiñan que facer, tamén lle daban á cabeciña. É unha prenda do traxe tradicional masculino». En amarelo e cuns toxos bordados, a prenda se converteu nunha das protagonistas da presentación da campaña provincial de turismo en Madrid. «Díxenlle a Carmela, que que lle parecía levar uns toxiños a Madrid... Tamén Castelao levou un toxo a Bos Aires».
Precisamente, un chaleco coa figura do debuxante galeguista é unha das pezas destacadas desta nova colección á que se suma á chaqueta que o actor Amador Arias vestiu na entrega dos premios Goya do 2020, cando O que Arde conseguiu dous galardóns. «Agora déixante de herdanza casas, pero antes deixábante roupa. As prendas íanas facendo pouco a pouco», reivindica a artesá, consciente do valor que está perdendo a costura. «Antes había cooperativas de mulleres en Redondela ou Valadares, e empresas como Futura Línea. Agora case non atopas xente que saiba coser ou que saiba montar unha americana».
Recoñece que unha das razóns de que o oficio se estea a perder é a falta de rendibilidade. «Ves prendas de seis euros e pensas: Canto cobrará quen a cose? E aquí, para sacar mil euros tes que traballar máis de oito horas ó día». A ela non lle costa; dende pequena soubo que o seu era a agulla. «De nena facíalle traxes ás bonecas. Saio á miña avoa Carme, da Patagonia, non a coñecín pero papá trouxo de alí coxíns que ela facía». Aos dezaseis anos, González matriculouse en corte e confección e de aí, á Academia Ayala en Vigo. «Meu pai preguntoume se estaba segura, que era moi escravo, eu sabía que si».
«Por min non cobraría»
Ir ao traballo non é ir traballar para esta costureira que empezou a estudar a vestimenta tradicional cando era unha alumna de moda e percorría o seu Saiáns natal buscando prendas antigas. «Cortas unha prenda, ves que lle gusta á persoa, remátala e lévaa... O que máis me custa e pedir os cartos. Por min non cobraría, senón tivera que vivir. Eu, tocando a pandeireta co grupo que formei co meu compañeiro —Acordeireta— e cosendo, son feliz.». Un labor que compaxina coa confección de fundas de instrumentos, que vende incluso fóra de España. «A metade da escola de Música Tradicional de Vigo ten fundas feitas por min, solo me falta facerlle unha funda ao edificio. Germán Díaz, o zanfonista, pediume unha e como se move por Europa, tamén funciona o boca a boca».
A festa da Reconquista está xa a chamar á porta. O saber desta experta na historia do traxe galego fixo que Vigo se vista acorde ao ano 1809, cando se expulsou aos franceses. «Nos cursos intento que a xente non vaia disfrazada, que leve o da época sen gastar moito. Pero agora hai tanta xente... Ás veces pecho os ollos por non mirar... Atopas quen vai de medieval... E danche ganas de dicirlle: Vente a Regreso al futuro, amigo». A retranca é algo que González sempre leva posto.
A súa canción favorita
«Setestrelo», de Berrogüeto. «Berrogüeto marcoume. Bótoos en falta. Esta época do grupo me parece incrible, hai moitas cancións desta etapa que me encantan. Ademáis Guadi deume clase de canto. Escollín esta canción porque me leva a un momento bonito da vida. No taller escoito a radio, pero tamén música».