Silvia García: «Hai universitarios que chegan a Belas Artes sen coñecer a Díaz Pardo»

VIGO

A investigadora colecciona libros, pezas artísticas e organiza exposicións para divulgar sobre o deseño galego. Destacan as mostras inclusivas nas que invita a tocar as obras
29 jun 2025 . Actualizado a las 01:46 h.Todo o mundo ten un tesouro. O de Silvia García González (Cangas, 1973) son uns libros infantís cubanos, traducidos do ruso. É unha das adquisicións que fixo nas viaxes nas que, ademais de facer turismo, mergúllase en librarías e mercados, na procura de arte local. Tamén galego. A doutora en Belas Artes, e docente do grado de Deseño, atesoura ducias de pezas de Sargadelos de Isaac Díaz Pardo. Algunhas das obras están expostas estes días no edificio Redeiras da Universidade de Vigo e xa foron obxecto dunha mostra no ano 2018 na facultade de Belas Artes de Pontevedra.
Quen foi decana desta facultade e impulsora do Grao de Deseño na Universidade de Vigo leva toda a vida investigando. Xa o facía cando aprendía da nai a enristrar cebolas, un saber do mundo agrario que se está a perder. Teme que pase o mesmo co legado dos grandes artistas galegos. Para combater o esquecemento, a investigadora ten creado material didáctico sobre arte contemporánea galega para centros de primaria e secundaria. «Dando clase en Belas Artes doume conta de que non hai presenza de arte galega nos currículos escolares. Algúns chegan á facultade sen saber quen era Isaac Díaz Pardo ou Luís Seoane. Por iso, cando fago unha exposición intento cubrir ese baleiro», explica, facendo referencia ao fito da industria cultural galega que foi Sargadelos.
É coleccionista «instrumental», como ela se define. «Merco e colecciono o que a min me interesa, non polo valor económico. Cando me meto nunha investigación busco fotos antigas familiares, ou libros ilustrados, pezas que me sirvan para o meu traballo». Entre as súas liñas de investigación está a publicidade de conserveiras como Masso, obra do debuxante vigués Federico Ribas, unha referencia da publicidade do século XX. O artista veraneaba en Bueu, onde coincidía con outros creadores como Maruja Mallo. Foi autor dos anuncios nos que se amosaba a unha clase social de inspiración parisina consumindo conserva.
Tocar as pezas, usar a arte
García colecciona para que outros toquen e experimenten coa arte. Unha das súas obsesións é facer este saber máis accesible, que se poida palpar, manipular e estudar de preto. «Si pides unha peza a un museo ten moitas restricións, non se pode tocar, pero estas como son miñas...». As mostras inclusivas xurdiron dun traballo co docente da Once, Xoan Toxo, con quen descubriu a importancia de achegar a arte mediante o tacto a persoas con dificultades visuais. García, que tamén foi comisaria e traballou no Centro Galego de Arte Contemporánea, sempre tivo afán divulgador. «Cada vez somos consumidores máis pasivos. Coas pantallas, perdemos o hábito de manipular, incluso nos coles. Os nenos pasan moitas horas nun piso, sen tocar barro ou coller un pau. O sentido atrófiase».
Vén de crear unha asociación cultural en Chantada, onde mercou unha propiedade. En Carballedo está a achegar o seu saber ao entorno máis rural, onde hai menos oportunidades. Líncora Alemparte pretende fomentar a creación no contexto da aldea. «Cando era nena, o meu contacto coa arte contemporánea foi por un programa de televisión, Metrópolis. Aí tomei conciencia de que non todos temos acceso á mesma cultura. Un neno que vive no rural, se quere tocar un instrumento, moitas veces non pode escoller. A ninguén lle parece un servizo básico que un cativo poida ir a unha clase de pintura. Falamos de si hai centro sanitario preto, pero hai moitas máis carencias», reflexiona a docente.
O esquecemento da memoria
Díaz Pardo non ten Fundación que xestione o legado do artista que foi mecenas ademais de creador. «Cando traballaba no Centro Galego de Arte Contemporáneo, coñecino. Acudía a todas as inauguracións. Publicaba en Edicións do Castro as investigacións que se facían. Tiña un grande empeño por recuperar o patrimonio». Parte da motivación da comisaria polo creador de Sargadelos é tamén por traballar o seu legado e impedir que se desvaneza. «Preocúpame que se diga: ‘Estuda e marcha de aquí’. Non é só pola arte, tamén pola memoria. A xente cre que unha boa herdanza é un piso nunha cidade, pero saber sachar ou plantar unha leituga tamén é unha herdanza valiosa que non se debe perder».
A SÚA CANCIÓN FAVORITA
«Cajuina», de Caetano Veloso. «Tiven con el o meu momento fan. Atopeino nun aeroporto e fun saudalo a dicirlle que me gustaba a súa poesía, e que lle poñía a meus fillos este tema. Ao día seguinte, fun a o concerto del e falou da nosa conversa diante do público. Fíxome moita ilusión e gústame a súa música».