Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Sonia Méndez, directora e productora de «As Neves»: «Se a primeira película dunha directora non sobresae, xa non fará a segunda»

Bibiana Villaverde
BIBIANA VILLAVERDE VIGO / LA VOZ

AS NEVES

CEDIDA

A súa película opta hoxe a 13 Mestre Mateo, entre eles Mellor Dirección

15 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A avoa viguesa de Sonia Méndez (Vigo, 1980) seguirá con atención a gala dos Mestre Mateo que se celebra esta noite en Lalín. Poucos saben que a avoa Nieves dá nome á película As Neves, primeira longametraxe da directora e produtora que empezou como actriz e que pasou a detrás das cámaras hai máis de quince anos. As Neves aspira a trece premios hoxe, entre eles á Mellor Dirección e Mellor Guión, pero tamén Mellor Longametraxe e Mellor Produción. O filme rodouse na Fonsagrada buscando o fenómeno meteorolóxico homónimo, pero tamén é unha homenaxe á avoa Nieves, que vive en Cabral, Vigo. «O nome serve para crear unha atmosfera vinculada á historia, pero tamén en homenaxe á nai do meu pai», di.

Celtista e apaixonada do cinema dende adolescente, Méndez enfróntase a unha das noites máis intensas da súa carreira. A historia dun grupo de rapaces que se ven envoltos na desaparición dunha compañeira trala difusión dun vídeo sexual, estreouse no Festival de Málaga o 6 de marzo de 2024 e chegou aos cines no mes de maio do pasado ano. O éxito do filme fixo que permanecera semanas competindo en carteleira. A obra foi recoñecida nos premios Feroz e no Festival de San Sebastián, pero esta noite a película enfróntase ao criterio da Academia Galega do Audiovisual da que Méndez é vicepresidenta.

Méndez tamén foi directora e guionista da gala no ano 2019. «Agora tócame do outro lado. Estou un pouco nerviosa. Recoñezo que non levo nada escrito se teño que saír ao escenario, dáme pudor facer discursos. Faríame ilusión, pero sobre todo se premian ao equipo».

A súa é unha carreira que empezou na pequena pantalla. Coñecida polo público no ano 2001 grazas á serie Terra de Miranda, esta profesional da sétima arte leva feito case de todo: actriz, guionista, produtora e directora. Ningunha destas facetas é definitiva, asegura. «De nena xa quería ser actriz. En 5.º de EXB xa estaba tomando clases con Celso Bugallo en Pontevedra, pero é certo que naquela época había cousas que nin pensabas. Nunca dixen: ‘‘Quero ser directora’’, porque tampouco tiña referentes de mulleres directoras de cine. Identificábame coas actrices porque había máis nesa posición».

Hoxe, as mulleres directoras son o 29 % do total en España. «As cifras son bastante lamentables, saliéntase cando unha destaca, pero falando con compañeiras guionistas sempre somos minoría». En guión, elas ocupan o 35 % dos traballos. Na produción de cinema as cifras son similares e só un terzo das obras teñen a unha muller á fronte na parte empresarial ou de organización. «Eu pénsoo moitas veces. Nós autoimpoñémonos moita carga. Se a túa primeira película ou o teu primeiro guión non é sobresaínte, posiblemente non fagas a segunda. Custa moito chegar e tes que estar na excelencia», reflexiona a directora.

Méndez non sabe estar esperando a que a chamen, así que ela mesma vai trazando camiño. Atreveuse reiteradamente con novos proxectos. Primeiro foi directora de varias curtametraxes, como Perversa Lola ou Leo e Mario. Xa dende o 2014 ideou e dirixiu o festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, primeiro festival de webseries e contidos dixitais de España. Xunto a Nati Juncal Portas, produtora de As Neves, creou no 2018 Cósmica Producións. Ambas están a traballar estes días para sacar adiante unha nova película da creadora viguesa Lucía Estévez.

Méndez, de nena, en Vigo
Méndez, de nena, en Vigo

«Son moi autodidacta», confesa. Defínese como «muller orquestra». Empezou a estudar Xornalismo. En As Neves percorreu toda Galicia buscando actores sen experiencia. A actriz Andrea Varela aspira hoxe ao Mestre Mateo de Mellor Interpretación Feminina, sen ter actuado antes noutras películas. A directora foi orientando aos actores máis novos ata que chegaron ao punto no que ela imaxinaba a historia. «Non me custa conectar cos rapaces, a pesares de que creo que a miña adolescencia ten máis que ver coa da miña nai que coa de hoxe en día. Agora hai móbil, por iso creo que o teñen máis difícil», di. Fronte á gran pantalla déronse cita mozos e pais que se puxeron na pel dos protagonistas. «A película conectou porque é unha historia baseada nas emocións», cre.

Música do baixista de Oasis

Méndez naceu en Vigo, pero medrou en Pontevedra. Estudou no IES Sánchez Cantón mentres se dedicaba a rodar películas artesanais. Aínda que a súa adolescencia estivo entre a cidade do Lérez e O Baixo Miño, ten unha conexión musical con Vigo. «Nos anos 90 saín moito por Churruca, vivín moito rock and roll por aí». Precisamente a música é unha parte fundamental en As Neves: foi inscrita nos Goya e tamén aspira hoxe a un Mestre Mateo. A banda sonora está composta por Andy Bell, baixista de Oasis. «Era moi fan dos seus últimos traballos en solitario. Escoite moito Lifeline mentres escribía e contactei con el por correo. Veu a Galicia a compoñer a banda sonora nun estudo galego. Foi o que sempre imaxinei. Así pasan as cousas. Se está de ser, está de ser», advirte.

A súa canción

«Lifeline», de Andy Bell. «Son máis fan de Andy Bell que de Oasis. O que é fan de Oasis é o meu mozo, pero confeso que si que teño entrada para ir velos xuntos en concerto este ano. Escoitei Moito Andy Bell no confinamento, os seus discos en solitario. Sempre me fago unha banda soñada para o filme que escoito moito mentres escribo. Pero recoñezo que eu o que son é beatlemaníaca».